CONSORCIO

Sánchez Bugallo anuncia "actuacións significativas" na cidade por parte do Consorcio para o período 2007-2010

25/10/2006 O Consorcio de Santiago celebrou a reunión da súa Comisión Executiva, na que se presentou o Plan de actuacións 2007-2010. Malia que non quiso adiantar o seu contido, o alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o programa "vai producir satisfacción na cidadanía, porque contén actuacións realmente significativas".

O 29 de novembro a Comisión Executiva tomará a decisión definitiva sobre o Plan, co obxectivo de que o Consello de Administración poida aprobalo posiblemente o 15 de decembro. Segundo indicou Sánchez Bugallo, quizais se puidera reunir o Real Patronato nesas datas, pero todo dependerá da axenda dos seus membros.

Este programa de actuacións adquire especial relevancia porque, tal como sinalou o alcalde, tras un período, entre o 2001 e o 2006 en que o Consorcio tivo que afrontar un plan de saneamento e amortizar uns 14 millóns de euros, a entidade recupera agora a súa máxima capacidade financiera e inversora. "Liberados desa carga podemos afrontar obxectivos máis cobizosos", indicou. Á marxe doutros posibles ingresos, a anualidade de 20.600.00 euros vaise manter.

Actuacións en marcha

Ademais da presentación do Plan, a Comisión Executiva ocupouse doutros temas relativos ao funcionamento e a diversas actuacións, que explicou o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva. Un deles foi a aprobación da primeira subvención do Programa de mantemento de edificacións, cuxa primeira convocatoria recibiu 36 solicitudes.

Tamén se acordou un reaxuste do Plan de intervención e restauración de monumentos, que afecta a obras como as de Santa Clara, As Hortas ou a capela de Santa Susana. Igualmente, incrementáronse os recursos para a actuación no Camiño Francés e incluíuse no Plan a restauración do Cristo do mosteiro de San Paio, que ardeu recentemente. Finalmente, aprobouse a realización dun inventario dos bens mobles do conxunto arqueolóxico da cidade, retablos fundamentalmente.

Turismo e encontro de escritores

A Comisión Executiva ratificou así mesmo o convenio susbscrito con Incolsa para o Plan de Calidade Turística, ao que o Consorcio achega 175.000 euros. Afecta fundamentalmente a tres ámbitos: o Plan de Desestacionalización, o Programa de Produtos Turísticos e a Film Comisión.

Outro convenio, que será presentado en breve, fai referencia ao Encontro Iberoamericano e Europeo de Escritores, que organizará o Pen Club do 16 ao 18 de decembro, coa colaboración da Consellería de Cultura e do propio Consorcio, que achegará 100.000 euros.

Na orde do día tamén figuraba a proposta da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI) para utilizar os servizos do Consorcio nos seus programas de protección do patrimonio en Latinoamérica. Ademais acordouse a ampliación da apertura da exposición "Intramuros" ata febreiro de 2007. As razóns son dúas: o éxito en datas como a ponte do Pilar, con máis visitantes que nos días de verán, e a intención de empregar a mostra para programas educativos.

Obras na Alameda

Tanto o presidente como o xerente do Consorcio referíronse finalmente á boa marcha das obras na Alameda compostelá, que nesta fase rematarán a finais de ano. Anunciaron un proxecto complementario para este espazo, cun orzamento de dous millóns de euros, que comezará tan pronto rematen as obras en curso e en función do calendario para que non prexudiquen a celebración das festas da Ascensión e do Apóstolo. Despois destas obras completarase unha actuación na Alameda que Sánches Bugallo cualificou como "a máis importante en cen anos".

Compartir: