CULTURA

Dúas novas oportunidades para ver "Esperando a Godot"

25/10/2006 Talía Teatro regresa a Compostela con "Esperando a Godot",de Samuel Beckett tralo paso en maio nunha función benéfica para o Comité de Solidariedade con América Latina. Os que non puideron asistir daquela teñen dúas novas oportunidades, o xoves 26 e o venres 27, no Teatro Principal.

O público poderá atoparse cunha obra que "trata de respectar ao máximo o texto", segundo sinala o autor desta versión, Roberto Salgueiro. A súa intención foi a de "reler dunha maneira contemporánea un texto xa clásico, centrándose no ámbito máis cómico, porque o existencialismo xa está no propio texto".

"Esperando a Godot" estreouse en París o 5 de xaneiro de 1953. Acadou un gran impacto, ata tal punto que aos tres anos da súa estrea xa fora traducida a vinte idiomas. Esta obra de Samuel Beckett é unha das máis representativas do teatro do absurdo e unha das máis recoñecidas do seu autor, que recibiu o Premio Nóbel en 1969.

O seu tema principal, a condición humana, segue moi vixente. A historia xira arredor de dous protagonistas principias, Estragón e Vladimir, que están ligados entre si por unha especie de solidariedade e polo obxectivo común de agardar a un misterioso personaxe chamado Godot.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e os actores Artur Trillo e Toño Casais acompañaron ao autor da versión na presentación do espectáculo, que se celebrará a partir das 21:00 horas. Os prezos das entradas son os habituais de sete, cinco e tres euros.

Compartir: