ALCALDÍA

Os serenos volverán ás rúas compostelás

25/10/2006 A Fundación Santiago Centro ultima a súa iniciativa de recuperar a figura dos serenos para a zona do Ensanche. Para iso vai tomar como modelo o da cidade de Xixón, onde este servizo funciona dende 1999, baixo a dirección da Agrupación de Sociedades Asturianas de Traballo Asociado (ASATA). Os representantes desta entidade, acompañados da asociación comercial compostelá, pasaron por Raxoi, onde lle explicaron ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, esta iniciativa.

Os novos serenos chegarán adaptados aos tempos actuais, con funcións de vixilancia, pero tamén de apoio ante calquera emerxencia ou de información turística. Así funciona con éxito en Xixón, onde o proxecto dá traballo a preto de 50 traballadores. Uns 2.700 establecementos pagan unha cota para manter este servizo, que tamén conta co apoio institucional. Neste sentido, Sánchez Bugallo manifestou a súa predisposición a buscar fórmulas de colaboración para unha iniciativa que xa espertou o interese doutras zonas da cidade.

Para explicar o proxecto, a Fundación Santiago Centro convocou unha mesa redonda, titulada "O servizo de serenos como mellora social no ámbito urbano". Alí porase en relación a iniciativa xixonesa coa que se quere implantar en Santiago.

Compartir: