EDUCACIÓN

Concerto didáctico para os escolares composteláns

24/10/2006 Como cada curso escolar, a Concellaría de Educación e Mocidade pon en marcha o programa de música para escolares de centros de ensino. Este ano, ademais da oferta periódica de concertos didácticos da Banda Municipal de Música de Santiago e dos ciclos de concertos didácticos de música tradicional e de música clásica nos propios centros, ofrécese, a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña: "O Pequeno Wolfy" de Pizzicato, un concerto do Grupo de Metais Santa Cecilia e un concerto do Quinteto de Vento do Conservatorio de Música da Coruña.

Este programa, que enriquece a oferta de concertos didácticos para escolares, trae o mércores 25 de outubro, ás 10.30 horas, no Teatro Principal, o concerto didáctico do Quinteto de Vento do Conservatorio de Música da Coruña. Ademais dun grupo de terapia ocupacional do Psiquiátrico de Conxo, participarán os seguintes centros de ensino: Colexio Peleteiro, Colexio A Inmaculada, CEIP Quiroga Palacios, CEIP Casas Novoa e Colexio San Francisco Xavier

No concerto interpretaranse coñecidas pezas de Mozart, entrelazándose cunha narración sobre a vida do famoso compositor, con anécdotas da súa biografía e da época histórica na que viviu. O espectáculo condúceo unha narradora e estará ilustrado por imaxes que se proxectarán simultaneamente. Tamén se fará unha breve explicación de cada un dos instrumentos que forman o quinteto e tocarán pezas en conxunto e por separado. O quinteto de vento do Conservatorio de Música da Coruña está composto por frauta traveseira, oboe, fagote, clarinete e trompa, acompañados da devandita narradora.

Compartir: