CULTURA

"Sons da Diversidade" trae as actuacións de Joao Afonso, Richard Bona e Orquestra Árabe de Nazareth

23/10/2006 Sons da lusofonía, con Joâo Afonso, da fusión con África e as músicas europeas contemporáneas, con Richard Bona, e a tradición oriental coa Orquestra Árabe de Nazareth. Serán os tres concertos que, ao longo deste outono, pecharán esta cuarta edición de Sons da Diversidade. O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou a programación.

Para abrir boca, chega ao Auditorio João Afonso, que presentará o seu novo traballo, "Outra vida", o sábado 28 de outubro. No concerto poderán apreciarse as influencias deste artista, que remiten ao seu tío Zeca Afonso e á música urbana africana.

O 4 de novembro estará no escenario Richard Bona, que segue a percorrer os mellores escenarios do mundo co seu sorriso e coa súa elegancia musical. Bona é un artista que mestura a música tradicional africana, os ritmos afrocubanos e brasileiros nados da fusión con América, co rap e outras tendencias.

O ciclo pecharase por este ano o 17 de decembro, coa actuación da Orquestra Árabe de Nazareth. É un conxunto integrado por algúns dos mellores músicos e cantantes de Nazareth e Galilea. Son músicos especializados en música clásica, tradicional e folk das culturas palestina, libanesa, exipcia e árabe-israelí, ademais de compoñer a súa propia música orixinal. Os compoñentes da formación pertencen ás tres grandes relixións existentes na zona: musulmá, cristiá e xudía.

Compartir: