ESPAZOS CIDADÁNS

Santiago, máis preto de ser unha smart city

09/03/2016 Lyon acolleu a semana pasada as reunións de lanzamento do proxecto europeo Smarter Together, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida nas cidades, ofrecendo solucións en varios aspectos cotiás da vida urbana por medio da integracións das chamadas smart technologies ou tecnoloxías intelixentes.

A cidade francesa é precisamente unha das tres cidades faro (ligthhouse cities), xunto a Munich e Viena, que lideran o proxecto e onde se porán en marcha ao longo de cinco anos diversas accións segundo áreas temáticas concretas. Santiago é socio do proxecto como cidade "seguidora" (follower), xunto con Venecia e Sofía, e por iso representantes do concello compostelán e de Feuga participaron nos encontros de Lyon. A delegación da capital galega estivo encabezada polo concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte.

O proxecto Smarter Together, dotado con 29 millóns de euros, financiados polo programa Horizonte 2020 da Comisión Europea, ten como finalidade actuar sobre tres problemáticas fundamentais: o uso da enerxía en equipamentos urbanos, a mobilidade e a produción de enerxías alternativas, os tres piares sobre os que descansa o concepto de smart city. Dende o 1 de febreiro, Lyon, Munich e Viena, como cidades lighthouse, converteranse en escenarios de experimentación da smart city a escala europea. Ademais das citadas cidades followers, o proxecto tamén contempla a figura de cidades "observadoras" de fóra da Unión Europea, neste caso Kiev e Yokohama.

Compostela, como socia do proxecto e cidade follower, terá a oportunidade de participar para mellorar o deseño da súa propia estratexia de cidade en cinco áreas concretas: sistemas de calefacción de barrio e enerxías renovables, rehabilitación enerxética global de equipamentos urbanos, plataformas de datos e servizos intelixentes, laboratorios urbanos para a participación cidadá e solucións de mobilidade para conseguir unha mobilidade sostible.

Para participar nestas primeiras reunións, desprazáronse ata Lyon representantes do Concello, co edil de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, ó fronte, e o técnico responsable do proxecto na Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), entidade colaboradora no mesmo.

Compartir: