EDUCACIÓN

Un convenio entre o Concello e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar permitirá a construción de tres novas escolas infantís

23/10/2006 O Polígono do Tambre, San Roque e Tras Parlamento contarán con novas escolas infantís (Galescolas) para nenos e nenas de 0 a 3 anos. A construción destes centros educativos será posible grazas un convenio coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que se asinará en breve.

En virtude deste acordo, investirase na construción destas Escolas un total de 1.682.004 euros, a repartir en tres anualidades (2006, 2007 e 2008), dos que Vicepresidencia achegará o 80% (1.345.603 euros) e o Concello o 20% (336.400 euros). O Concello cederá os terreos e acometerá a licitación e a execución das obras.

Os trámites para a concreción do convenio foron ratificados pola Xunta de Goberno Local, que tamén aprobou un punto referido a unha das escolas infantís xa en funcionamento, a de Conxo. En concreto, deuse o visto bo á solicitude dunha subvención, tamén á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, para a realización de obras menores, así como para o seu equipamento. Solicitouse unha achega total de 22.000 euros (12.000 para obras e 10.000 para equipamento). Substituirase o mobiliario de xogo infantil exterior, reporase a vaixela, mercaranse cadeiras adaptadas para o comedor e valarase o patio exterior de xogos, entre outras actuacións.

Tamén referido á educación, pero neste caso para alumnos de secundaria, o Goberno local aprobou o prego e o inicio expediente de contratación do Servizo de desenvolvemento de obradoiros para a promoción da lingua galega. O orzamento é de 22.500 euros. Igualmente, deuse o visto bo a un gasto de 2.200 euros para o deseño e emisión dunha campaña publicitaria audiovisual.

Compartir: