INFRAESTRUTURAS

Aprobado o proxecto de reurbanización da Rúa Valle-Inclán

23/10/2006 A Xunta de Goberno local deu o visto bo ao proxecto de urbanización da Rúa Valle Inclán, que inclúe tamén actuacións na Costa de San Domingos e no entronque coa Ruela da Caramoniña. Estas obras, que se lle encomendan ao Consorcio de Santiago, están presupostadas en 840.262 euros e teñen un prazo de execución de 12 meses.

O proxecto contempla a pavimentación da dársena de autobuses con formigón, malia que continuará en lousa de pedra tanto a beirarrúa e o acceso peonil no tramo baixo da Ruela de Caramoniña. O tramo cortado deste último vieiro tamén se saneará, mellorando a circulación de coexistencia entre o tráfico rodado e o peonil.

O espazo diante da entrada ao Colexio La Salle pavimentarase de novo con lousas de pedra en forma de escalinata-graderío e completarase a actuación coa plantación de arborado. Mellorarase igualmente o xardín da horta de San Roque.

O proxecto contempla a renovación das redes de servizos. En particular, o máis visible será o cambio no alumeado público, cunhas luces máis acordes co entorno. Pero tamén se renovará a recollida da augas pluviais, a evacuación de augas residuais e as redes de abastecemento, de electricidade e de telecomunicacións.

Estas obras de reurbanización inscríbense nas directrices do Plan Especial da Cidade Histórica. O arquitecto municipal Enrique Seoane prado será o técnico responsable da supervisión da execución destas actuacións.

Compartir: