CURTAMETRAXES

CurtoCircuíto’06 pecha outra exitosa edición coa entrega dos seus premios

22/10/2006 Os gañadores de CurtoCircuíto’06 recibiron os seus premios nunha gala final celebrada no Teatro Principal. No evento, presidido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, deuse a coñecer o nome dos filmes agraciados nas categorías a concurso. Así, "Medianeras", de Gustavo Tareto, gañou na categoría de ficción; "Valle Paraíso", de Eduardo Martín, na de animación; "Nach dem fall", de Marcel Wyss, na de documental; e "Dark room", de Bart Wasen, na de videocreación. "Way", do tailandés Chin Tangsakulsathaporn, recibiu o primeiro premio na sección Anacos.

Cada un dos autores recibirá 3.000 euros de premio e un trofeo. Ademais dos premios do xurado, o público concederá o seu propio, valorado en 1.500 euros. Nesta edición presentáronse 500 curtametraxes, das que se seleccionaron 95 en total: 33 curtas de ficción, 32 de animación, 16 de videocreación e 14 do xénero documental. Do total de 95 curtas seleccionadas, seis eran galegas, 47 do resto de España e 42 do estranxeiro. Entre estas últimas salientaban as nove de Alemaña, seguida de Francia e doutros países como Xapón, México, Polonia, Arxentina, Austria, Bélxica, Escocia, Portugal, Suíza, Reino Unido, Uruguai e Estados Unidos.

Na súa intervención na gala, o alcalde compostelán reivindicou o xénero documental e fixo avaliación dun certame consolidado, convertido en plataforma de lanzamento para os novos creadores e creadoras do audiovisual. Lembrou o éxito acadado por "Quérote mal", a curta gañadora do pasado ano no Compostela Plató e desexoulle o mesmo éxito a "Bechos Raros", a triunfadora desta edición.

A gala final, titulada "Ponte de curto" foi conducida por Chévere e combinou humor, música, baile, proxeccións das curtas gañadoras e a entrega de premios. E ao remate do espectáculo, estreouse a curta produto do guión gañador de Compostela Plató, "Bechos raros". As autoras, Alegría Collantes e Estíbaliz Burgaleta, tamén subiron ao escenario a recoller os seus premios. Entregáronllos o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Compartir: