FILM COMISSION

Nace unha nova guía de Compostela imprescindible para a produción audiovisual

21/10/2006 Duascentas sesenta páxinas de información documental e gráfica sobre todo tipo de localizacións e para todo tipo de producións audiovisuais é o contido da "Guía de Localizacións e da Produción Audiovisual de Santiago de Compostela", presentada nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos e presidido polo alcalde compostelán. A publicación será distribuída en todo o sector audiovisual, tanto en España como no resto do mundo.

Esta Guía, editada pola Santiago de Compostela Film Comisión, dependente de Incolsa-Turismo de Santiago, pretende potenciar a Compostela como un gran plató cinematográfico e para todo tipo de formatos, temáticas e tramas, tal como indicou na presentación o concelleiro de Turismo, Francisco Candela. Ponse así de manifesto o inmenso potencial da capital galega no panorama cinematográfico e audiovisual en xeral, para produtores e empresas do audiovisual no ámbito internacional.

A publicación fai un completo percorrido por todos os aspectos da cidade e dedica ducias de páxinas a amosar fotograficamente os mellores recunchos da cidade. A eses lugares e ao seu particular encanto se referiu o alcalde na súa intervención. Tamén inclúe unha relación de producións rodadas na cidade e unha manual de rodaxe.

As páxinas desta Guía chegan acompañadas dun DVD promocional da propia Santiago de Compostela Film Comission. Trátase dunha demostración práctica do que a Guía en si encerra a través de tres historias.

Compartir: