ALCALDÍA

O alcalde mantén a "plena confianza" no compromiso da Xunta coa Cidade da Cultura

20/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou os orzamentos do Goberno autonómico para Galicia e, en particular a dotación prevista para a Cidade da Cultura. "O compromiso da Xunta con este proxecto é total; así o manifestou o seu presidente no Parlamento e así mo transmitiu a min", indicou.

Sánchez Bugallo afirmou que ten "unha plena confianza nese compromiso" e que mantén un "contacto permanente" sobre este tema con Emilio Pérez Touriño". De feito, o rexedor compostelán falou tres veces deste tema co presidente da Xunta nas últimas 24 horas. A intención do Goberno autonómico é ter lista a fin de ano a definición do proxecto e logo abordar o remate das obras.

Sobre o compromiso orzamentario para 2007, recordou que "os 50 millóns de euros previstos son a maior cantidade proxectada nunca pola Xunta para a Cidade da Cultura. En dúas anualidades dedicáronse 99 millóns de euros". Neste sentido, lembrou que no período 1999-2005 o destinado fora 155 millóns de euros.

O alcalde indicou que "firmaría que a de 2007 fora a dotación para os seguintes anos". En calquera caso, resaltou que non habería ningún problema para que a cantidade fora aínda maior para este ano, grazas a outros fondos da propia Xunta ou de carácter privado. Así, insistiu en que "a Xunta está a traballar na implicación da iniciativa privada a tódolos efectos".

Sobre prazos, Sánchez Bugallo dixo que "o obxectivo é que sexa un proxecto útil para toda Galicia, que se remate en 2011 ou 1012. Non obstante, ten confianza en que os edificios en construción estean rematados en 2008 e poidan comezar as actividades neles.

Valoración global

Respecto ao balance global dos orzamentos anunciados pola Xunta, o alcalde, tendo tamén como referencia o destinado á Cidade da Cultura, apuntou que "sería unha burla para o resto de Galicia queixarse da inversión en Santiago, cando triplica o de calquera outra cidade". Os presupostos autonómicos conteñen partidas de 72 millóns de euros para as autovías Santiago-Brión e Santiago-Ramallosa e 15 millóns para melloras hospitalarias, especialmente no antigo Hospital Provincial.

A isto engádense os dous millóns da anualidade 2007 do convenio de travesías. Este plan conta cun orzamento total de 14 millóns de euros, divididos en tres anualidades, aínque o alcalde suxeriu que quizais se teña que ampliar a catro, pola petición da Xunta de que se inclúa a travesía do Castiñeiriño. Todo dependerá da orde e calendario das obras que estime o Concello, en función dos prazos e molestias para o cidadán. O programa permitirá mellorar travesías tan significativas como a de Galeras ou A Choupana.

Compartir: