CULTURA

A Chocolataría exhibe a obra dalgúns dos máis representativos artistas plásticos cubanos

19/10/2006 "Habana Fáctory" é o título da nova exposición que chega a A Chocolataría e que permitirá amosar a obra dalgúns dos artistas plásticos cubanos máis representativos da actualidade. A mostra ábrese o veneres 20 de outubro e permanecerá ata o último día do 2006.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a directora de A Chocolataría, Concha Fontenla, presentaron esta exposición, acompañados dalgúns dos artistas protagonistas da mesma: Sandra Ramos, Lázaro Saavedra, Luis Gómez e Fernando Rodríguez. Completan a mostra Los Carpinteros, Carlos Garaicoa e Aimeé García. Todos eles forman parte dun proxecto, "Habana Fáctory", que agrupa a unha parte dos artistas máis representativos da plástica cubana contemporánea.

Son artistas cunha obra consolidada dende finais dos 80 e cunha traxectoria que vén renovándose ata a actualidade. Habana Factory recorre á idea de La Habana coma un lugar de inventiva, unha cidade privilexiada, onde esta xeración de artistas atopou a pauta para desenvolver o seu traballo. Eles escolleron formas moi particulares e diversas de expresar as súas preocupacións artísticas, persoais ou sociais.

A Concellaría de Cultura convidou a estes sete artistas cubanos a compartir miradas sobre a súa cidade e o seu contexto con outra grande cidade, Santiago de Compostela. Viaxarán de La Habana a Santiago, unindo estas dúas cidades a través das artes plásticas.

Diferentes formas de expresión

Nas súas creacións estes artistas establecen reflexións comúns sobre o contexto actual cubano, o seu pasado cultural e histórico e a incertidume ante o futuro. Moitas das súas obras veñen da cidade e todos a citan dalgunha maneira. Garaicoa nas súas fotos de arquitecturas destruídas ou maquetas de vellos cinemas clausurados; Los Carpinteros, na súa práctica obxectual e visual, que vén da ancestral tradición artesá enlazada co modernismo; ou Lázaro Saavedra, dende o seu barrio no Cerro, coas súas referencias á realidade cubana e a natureza humana.

Outro dos artistas da exposición é Fernando Rodríguez, que co seu alter ego Francisco de la Cal, vello campesiño cego, evolucionaron do seu natal Matanzas e das súas pinturas e esculturas de aire primitivo a un espírito industrial e de uniformidade no eido do vídeo. Pola súa parte, Luis Gómez é un artista moi particular e introspectivo. As súas recentes incursións no vídeo e a fotografía conéctanse máis a unha práctica occidental que se relaciona coas visións utópicas do futuro.

Finalmente, Aimée García e Sandra Ramos son artistas que, a partir da autorreflexión e das súas experiencias vitais, utilizan o autorretrato como recurso para o seu universo expresivo.

Compartir: