FACENDA

Actualízanse as ordenanzas fiscais para 2007

19/10/2006 O concelleiro de Facenda, Xaquín Fernández Leiceaga presentou o proxecto de Ordenanzas Fiscais para o ano 2007, que presenta poucas novidades significativas. Na maior parte das ordenanzas unicamente se produciu a súa actualización, en función da subida do Índice de Prezos ao Consumo (IPC), fixada nun 2,9%.

O incremento do IPC afecta a trece ordenanzas, entre elas as mais significativas, como o imposto sobre vehículos de tracción mecánica, taxa pola expedición de documentos administrativos, taxa do cemiterio municipal, as taxas polo estacionamento e pola retirada e recollida de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais, a taxa por postos e casetas de vendas ou a taxa pola celebración de matrimonios civís. No caso das taxas polo saneamento e depuración de augas residuais, e pola subministración de auga e conservación de contadores, tamén se produciu a actualización segundo o IPC fixada nos respectivos contratos, incremento que non se producira en anos anteriores polos tipos de xuros existentes entón.

Fernández Leiceaga destacou respecto a estas ordenanzas a actualización no caso da grúa e da hora, que se produce sobre os minutos e non sobre as tarifas, para facilitar a operatividade do servizo. Tamén aludiu á estabilización da Ordenanza de recollida e tratamento de residuos.

Entre os axustes, o concelleiro referiuse á Ordenanza reguladora do imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, na cal se amplía o prazo para a solicitude de bonificacións ata o comezo do procedemento inspector. Tamén se produce un engadido na taxa pola expedición de documentos administrativos, correspondente á encadernación de documentos expedidos polo Concello, xa sexa polo Servizo de Urbanismo ou por outras oficinas municipais.

Ademais, realizouse unha aclaración na taxa que regula a ocupación de terreos de uso público. En particular, refírese aos andamios, a fin de solucionar calquera dúbida sobre a aplicación en función do tipo dos mesmos. Deste xeito, a ordenanza aplícase por igual a toda clase de andamio en función da súa ocupación do espazo público.

Por último, fíxase para o campo de fútbol de Santa Isabel o mesmo prezo público pola súa utilización que no caso do terreo das Cancelas, xa que agora pasa a dispor de herba artificial igual que este. Tamén se aclara que o prezo público pola prestación de servizos da Escola Municipal de Música se aplicará a cada curso académico completo.

Compartir: