PROMOCIÓN ECONÓMICA

Un total de 33 persoas participan na terceira fase de formación do proxecto Equal Compostela Social

17/10/2006 Os 33 alumnos inscritos na terceira fase de formación do proxecto Equal Compostela Social comezaron as clases teóricas o luns, 16 de outubro. O 70% dos participantes son mulleres, un dos colectivos aos que vai dirixido o proxecto. Tamén teñen presenza nesta nova fase outros colectivos con dificultades de integración laboral: persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes ou emigrantes retornadas e retornados e mozos sen emprego anterior.

Na selección tívose en conta a viabilidade dos proxectos presentados e o carácter emprendedor da persoa aspirante, xa que o obxectivo final de Equal Compostela Social é a creación de iniciativas de autoemprego por parte dos participantes. As dúas fases anteriores deron xa como resultado a creación de 16 empresas tanto na cidade de Santiago como na súa mancomunidade, e está prevista a posta en marcha de varias máis nos próximos meses.

Os 33 alumnos están distribuídos en dous grupos, un en horario de mañá e outro de tarde. Os alumnos da mañá recibirán a formación na sede da Cámara de Comercio, mentres que pola tarde as clases serán no local que a Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na rúa Pérez Constanti.

Esta parte teórica constitúese a partir de catro módulos cunha duración conxunta de 200 horas, nos que o alumnado recibe formación en cuestións coma modelos de xestión empresarial, marketing, diagnose empresarial ou habilidades sociais. Ademais destes módulos, os alumnos completan a súa formación con charlas impartidas por profesionais do sector, expertos en inserción laboral ou emprendedores que puxeron en marcha as súas propias iniciativas empresariais. O remate da terceira fase de formación está previsto para o día 21 de decembro.

O proxecto Equal Compostela Social está liderado polo Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e nel toman parte tamén os demais Concellos da comarca de Compostela (Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra), a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago, a Fundación para o Desenvolvemento Comarcal da área de Santiago, a Cámara de Comercio da cidade, a Plataforma polo Emprego e Cogami.

Compartir: