CURTOCIRCUÍTO

"Medianeras", do director arxentino Gustavo Taretto, gaña o Premio do público da rúa no Festival CurtoCircuíto

17/10/2006 O luns 16 celebrouse a gala de inauguración da semana grande do Festival CurtoCircuíto, presentada pola actriz Camila Bossa, no Teatro Principal compostelán. Na mesma entregouse o Premio do público, que outorgan os asistentes ás proxeccións realizadas todos os xoves de xullo, agosto e setembro. A gañadora foi "Medianeras", do director arxentino Gustavo Taretto.

A curta gañadora foi elidida de entre as 65 curtas galegas, estatais e internacionais participantes. "Medianeras" conta a historia de Mariana e Martín, que teñen vidas semellantes: a mesma soidade, a mesma neurose, mesmo pisos iguais. Pero non se poden coñecer. O seu único vínculo é tamén o que os separa: a "medianera", a parte sen fiestras, gris, que dá á rúa nos edificios.

O premio foi entregado por Francisco Candela, concelleiro de Turismo e responsable da Santiago de Compostela Film Commission a Pixi, amigo e representante de Taretto -e ademais membro da organización do festival-, quen desculpou a súa ausencia, xa que se atopa do outro lado do atlántico. O Premio do público está valorado en 1.500 euros.

Compartir: