BENESTAR SOCIAL

O programa "De bo rollo" insiste en mellorar a convivencia nos centros escolares

17/10/2006 Por segundo ano consecutivo, ponse en marcha o programa "De bo rollo", co obxectivo de mellorar a convivencia e previr conflitos nos centros escolares. Alumnos de 1º e 2º da ESO participarán nesta iniciativa, que se articula en torno a dous subprogramas: un de habilidades sociais e outro de actividades alternativas para os recreos. O curso pasado participaron 159 alumnos do IES Antonio Fraguas e do IES de Sar.

Os mesmos centros participarán na edición deste curso, que insiste na meta de eliminar os factores de risco como as dificultades nas relacións interpersoais, os estilos de vida ou a presión do grupo de iguais. Ademais, preténdese potenciar os factores de protección (mellora das habilidades sociais, traballo cooperativo, educación en valores) fronte a situacións conflitivas ás que se enfrontan os escolares. O programa "De bo rollo" foi presentado pola concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, e pola directora da UMAD, Pilar Bermejo.

Os alumnos participarán nun subprograma de habilidades sociais, que da continuidade e reforza ao que se ven realizando con todos os alumnos de 6º de Primaria nos centros escolares do Concello. O seu obxectivo é dotar aos rapaces e rapazas dun repertorio de habilidades que lles permitan enfrontarse á resolución de determinadas situacións, en particular, á toma de decisións en canto ao consumo de drogas.

Por outra parte, realizaranse actividades alternativas para os recreos, proporcionando unha ocupación deses tempos de ocio dun xeito diferente ao habitual. Deste xeito facilitaráselle aos alumnos un espazo no que por en práctica as habilidades necesarias nas relacións interpersoais e dende o punto de vista do traballo colectivo.

Traballo dende os centros

A idea do programa é traballar conxuntamente dende os propios centros e lograr a súa continuidade no tempo. Ademais, introdúcese a figura do educador social como axente de prevención externo ao centro, pero cunha presenza cotiá na vida do mesmo.

Na edición do pasado curso, 159 alumnos, divididos en sete grupos, participaron en sete sesións do subprograma de habilidades sociais, complementándose con catro máis para traballar temas relacionados coa convivencia e a coeducación: tolerancia e respecto, igualdade de xénero, violencia de xénero ou violencia entre iguais.

As actividades dos recreos estiveron abertas á participación de todo o alumnado do centro, máis os participantes foron principalmente de 1º e 2º. Houbo talleres de papiroflexia, globoflexia, traballo con fieltro, obradoiro de carteiras, de danzas do mundo, concursos de debuxo, máscaras ou relatos en datas sinaladas, xogos de rastrexo e obradoiro de disfraces.

Compartir: