XUNTA DE GOBERNO

O Consorcio destina 200.000 euros a subvencionar a recuperación de elementos de madeira nos inmobles da zona histórica

16/10/2006 A Xunta de Goberno local aprobou as bases reguladoras e a convocatoria das subvencións para os elementos especiais de madeira dos edificios e vivendas da cidade histórica. Estas axudas, concedidas polo Consorcio de Santiago, ascenden a un total de 200.000 euros.

Estas subvencións pretenden fomentar a execución de obras de rehabilitación, restauración ou reposición dos elementos de madeira (tales como galerías, fiestras, portas, etc.) de edificios e vivendas da zona histórica. Tamén afectan a obras complementarias necesarias para a reparación ou reposición doutros elementos afectados no proceso de rehabilitación do elemento especial.

Unha vez publicada a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para a solicitude das axudas será dun mes. Poderán acceder ás mesmas propietarios, arrendatarios e mesmo comunidades de propietarios. Optarase ás mesmas en réxime de concorrencia competitiva, en función dos criterios de valoración fixados.

A contía subvencionada será de ata un 50% nas obras onde se manteña o elemento orixinal de madeira e dun 40% cando o elemento se substitúa por un novo. En ningún caso, a subvención outorgada poderá superar o límite do 50% do custo previsto e/ou executado no proxecto.

Subvencións ao deporte federado

Outro dos acordos do Goberno local foi a resolución da convocatoria das subvencións destinadas ao fomento do deporte federado para o presente ano 2006. Repartiranse 235.000 euros entre un total de 62 entidades da cidade. Pola súa contía, destacan as achegas feitas a clubs coma o Conxo, o Cidade de Santiago, o Santiago de Compostela CF ou o Cluny. Tamén no eido do deporte, adxudicáronse as obras de construción dunha pista deportiva en Salgueiriños, por un importe de 96.820 euros.

En materia de transportes, iniciouse a contratación da primeira fase das obras de substitución de lucernarios na dársena da Estación de Autobuses. Investiranse 51.948 euros e o prazo de execución será dun mes. As obras consistirán na substitución das actuais placas de iluminación na cuberta por outras novas e de maior superficie. Nesta primeira fase cambaranse dúas unidades e media dun total de dez. Empregaranse placas acrílicas con protección especial contra o envellecemento. Esta actuación aproveitarase tamén para solucionar un problema de filtración de auga.

Tamén en relación á iluminación, pero neste caso á pública, aprobouse a adxudicación do subministro e instalación de equipamento para a reforma do alumeado en Reboredo, Igrexa, Tras Igrexa e Portela, na parroquia de Villestro.

Ademais, a Xunta de Goberno deu o visto bo á contratación de novos uniformes para a Policía Local de Santiago, por un importe total de 116.999 euros. Mercaranse prendas de confección a medida, accesorios e calzado. Tamén para a Policía Local, procederase á adquisición de catro novas motos de 125 cc, cun orzamento de 22.000 euros.

Gastos polo lume

Por outra, a vaga de lume do pasado mes de agosto segue a ser asunto das reunións do Goberno local. Neste caso aprobáronse os gastos realizados con tal motivo, que ascenden a 424.321 euros, e a solicitude da subvención á Administración do Estado por este importe. Estes gastos refírense fundamentalmente ás actuacións de emerxencia para conter a erosión e favorecer a revexetación do solo nas zonas afectadas polos incendios e ao selado do vertedoiro de Piñor.

Finalmente, aprobáronse as modificacións do Proxecto de ordenanzas fiscais para 2007, que afectan fundamentalmente á actualización do IPC nalgunhas taxas, tarifas e prezos públicos. As ordenanzas fiscais teñen que estar en vigor o 1 de xaneiro e deben ser aprobada polo Pleno municipal.

Compartir: