CURTOCIRCUÍTO

Achégase a gala final de CurtoCircuíto, precedida de obradoiros e dun mercado internacional

13/10/2006 A recta final de CurtoCircuito’06 vén chea de actividades, que conducirá á gala de entrega de premios, que se celebrará o sábado 21 de outubro. Un mercado internacional, diversos obradoiros e a proxección das 95 curtas seleccionadas forman parte dun completo programa entre o 16 e o 21 de outubro.

O concelleiro de Turismo, Francisco, Candela, presentou este calendario, que confirma a Santiago como "referente no mundo audiovisual". Todo comezará o luns 16, cun acto inaugural conducido pola actriz Camila Bossa, na que se entregarán os premios de CurtoCircuíto na Rúa. Despois iniciarase a proxección das curtas, que se prolongará durante cinco días máis. Os filmes poderanse ver no Teatro Principal, en horario de 20:00 a 22:00 e de de 23:00 a 1:00 horas, agás os da categoría de videocreación, que se proxectarán no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).

Nesta edición presentáronse 500 curtametraxes, das que se seleccionaron 95 en total: 33 curtas de ficción, 32 de animación, 16 de videocreación e 14 do xénero documental. As curtas gañadoras en cada unha das categorías daranse a coñecer na gala final do día 21. Cada un dos autores recibirá 3.000 euros de premio e un trofeo. Ademais dos premios do xurado, o público concederá o seu propio, valorado en 1.500 euros.

Do total de 95 curtas seleccionadas, seis son galegas, 47 do resto de España e 42 do estranxeiro. Entre estas últimas salientan as nove de Alemaña, seguida de Francia e doutros países como Xapón, México, Polonia, Arxentina, Austria, Bélxica, Escocia, Portugal, Suíza, Reino Unido, Uruguai e Estados Unidos.

A gala final, titulada "Ponte de curto" será conducida por Chévere e combinará humor, música, baile, proxeccións das curtas gañadoras e a entrega de premios. E ao remate do espectáculo, estrearase a curta pronto do guión gañador de Compostela Plató, "Bechos raros". As autoras, Alegría Collantes e Estíbaliz Burgaleta, tamén subirán ao escenario a recoller os seus premios. Entregaranllos o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

Mercado internacional

O I Mercado de Internacional de Curtametraxes de Santiago é unha iniciativa que se estrea nesta terceira edición. A súa finalidade é ofrecer un novo punto de encontro que favoreza a difusión da curtametraxe en tódalas súas variantes, abrindo unha porta máis ao traballo dos autores a empresas e institucións ou calquera outra entidade. Quere favorecer de xeito permanente un servizo de contacto para todos aqueles que o soliciten. A inauguración será o xoves 19, ás 11:00 horas, no CGAC.

Este evento, pioneiro en Galicia, permitirá citas privilexiadas entre xóvenes cineastas, compradores, distribuidores e programadores achegados dende tódalas partes do mundo. Haberá casetas para que os interesados amosen os seus produtos e zonas de visionado, de charlas e de encontros profesionais.

Obradoiros

Todo isto compleméntase con diversos obradoiros, como o titulado "Non te curtes", no que 30 persoas asistiran a unha clase teórica de edición impartida por Avid. Logo terán tres horas para realizar a montaxe da súa curta, cuxa duración non superará os cinco minutos. Dos catro finalistas, un xurado do festival seleccionará ao gañador do Premio Avid, que tamén se entregará na gala de clausura. A cita é no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche do 17 ao 19 de outubro.

Outro dos talleres é "Punto de xiro", arredor do guión. Os días 16 e 17, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester. Será impartido por David Planell, guionista, entre outros filmes, de "Héctor", de Gracia Querejeta, e de diversas series de televisión.

O terceiro dos obradoiros ocúpase da interpretación infantil e xuvenil e desenvolverase na aula para nenos do CGAC. Pretende exercitar, a través de dinámicas teatrais, a expresión lingüística, emocional e corporal de cada un dos participantes. Finalmente, tamén no CGAC, realizarase un obradoiro de financiamento para producir unha curtametraxe.

Acompañaron a Francisco Candela na presentación desta fase final de CurtoCircuíto o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández; o asesor de Audiovisual da Consellería de Cultura, Manuel González; e a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto.

Compartir: