BENESTAR SOCIAL

O Concello achega 6.600 euros á asociación de axuda a enfermos de Alzheimer AGADEA

13/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a representante da Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, María Isabel Gey Pérez, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal realizará unha achega de 6.600 euros para colaborar coas actividades da asociación.

O convenio asinado na Casa do Concello ten por obxecto a colaboración nos custos do servizo de transporte adaptado, servizo que necesita a asociación AGADEA para poñer en marcha uns "Talleres de estimulación cognitiva e psicomotriz para enfermos de alzheimer e outras demencias". No marco destes cursos, a asociación realizará diferentes actividades de natureza rehabilitadora encamiñadas á estimular a linguaxe, a memoria, a atención, o cálculo e outros procesos cognitivos. Así mesmo poñerá en marcha talleres de terapia de xogo, de reminiscencia e musicoterapia.

Para o desenvolvemento dos talleres, é recurso indispensable dispoñer dun servizo de transporte adaptado que, reunindo as condicións necesarias e baixo a atención dunha persoa coidadora posta pola Asociación, facilite a participación dos interesados naqueles casos en que as circunstancias sociofamiliares ou de saúde da propia persoa lle impidan acudir por non dispor deste recurso. O Concello aportará 6.600 euros para poñer en marcha este servizo.

O convenio enmárcase nos programas e actuacións de tipo social que leva a cabo o Concello, co fin de garantir a calidade de vida das persoas e unha orde social máis xusta e solidaria, de acordo coa filosofía municipal de promocionar a participación e integración dos diferentes colectivos, nun trato de igualdade non exento de consideración ás peculiaridades de cada un.

AGADEA desenvolve actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, en concreto, está a realizar un servizo específico de estimulación cognitiva para persoas con enfermidade de Alzheimer ou calquera outro tipo de demencia dexenerativa cun obxectivo terapéutico, levándose a cabo as actividades coa finalidade de que os asistentes manteñan as súas capacidades o máximo tempo, e coa maior calidade de vida posible.

Compartir: