TURISMO

Lavacolla é o primeiro aeroporto español en crecemento de liñas de baixo custe

10/10/2006 O máis recente reporte do Instituto de Estudios Turísticos (IET) sobre as compañías de baixo custe sinala que Lavacolla é, con 10.500 pasaxeiros transportados en agosto, o protagonista do maior crecemento español do sector cun 104,7%.

De acordo co IET, en agosto de 2006 chegaron a España 1,8 millóns de pasaxeiros procedentes do estranxeiro nun total de 13.300 voos de compañías aéreas de baixo custe, que xa son responsábeis do 30,2% do total de chegadas por vía aérea en España.

As estatísticas do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo foron analizadas polos principais destinos turísticos españois reunidos nas II Xornadas sobre Aeroportos Rexionais, celebradas entre o 5 e o 6 de outubro en Santander, coa asistencia do concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela.

Segundo datos manexados nesa xuntanza, o crecemento medio de Lavacolla do 8,3%, acumulado nos nove últimos meses, é sensiblemente máis alto que o 6,5% da media española.

O informe do IET destaca que o 58,5% da actividade aérea de baixo custe concéntrase en mans de tres compañías, Esayjet, Ryanair e Air Berlin , dos das cales operan en Santiago de Compostela; e que un dos crecementos máis destacados veno protagonizando Vueling, que ofrece tres rutas desde a capital galega.

Máis tráfico

De acordo cos datos do IET, os crecementos máis importantes de tráfico de baixo custe durante o mes de agosto rexistráronse nos aeroportos de Santiago, Menorca e Madrid-Barajas.

Malia non figurar entre os aeroportos de maior volume de tráfico, Lavacolla é, con 10.500 pasaxeiros transportados en agosto, o protagonista do maior crecemento español en baixo custe, cun 104,7%.

Por orixe, destaca o tráfico de baixo custe orixinado en Reino Unido, principal emisor de pasaxeiros destas liñas co 41,6% do total; seguido de Alemaña (25%) e Italia (7,7%). En cifras acumuladas do 2006, dos 111.811.675 chegados a España en liñas de baixo custe, o Reino Unido rexistra 4.954.502 pasaxeiros e Alemaña 2.877.169.

Compartir: