TURISMO

Medran un 41% as consultas turísticas de estranxeiros en setembro

10/10/2006 De acordo coas cifras subministradas polo concelleiro de Turismo, Francisco Candela, a oficina central de información turística municipal atendeu en setembro 21.501 consultas, un 30% máis que en setembro do 2005, cando rexistrou 16.570. Nesa cifra, os visitantes estranxeiros seguen superando en presenza aos nacionais, pois xeraron o 54,1% das consultas atendidas, pasando das 8.276 de setembro do 2005 ás 11.633 do pasado mes. Isto supón un crecemento do 41%, mentres que as consultas dos españois medraron un 20% en relación co 2005.

No seu conxunto, as oficinas municipais de información turística rexistraron o pasado mes 36.609 consultas, cifra superior nun 6% á do mesmo mes do ano pasado, cando se totalizaron 34.683 consultas.

Entre os emisores estranxeiros destacan Alemaña, con 3.464 consultas e un crecemento do 61% sobre setembro do 2005; Francia, con 2.507 e unha suba de 35%; o Reino Unido, com 2.463 e un 31% máis de presenza que o ano pasado, e Italia, que malia ocupar o cuarto posto con 2.379 consultas, rexistra o crecemento máis espectacular, cun 89% máis consultas que no mesmo mes do ano pasado.

Entre as comunidades autónomas españolas mantéñense como principais emisoras Andalucía, Madrid e Cataluña, cun interesante crecemento do 43% nas consultas de castela-A mancha.

Consultas á web

A web www.santiagoturismo.com rexistrou en setembro 79.331 accesos, un 152,5% máis que no mesmo mes do 2005 (31.413).

O total acumulado nos primeiros nove meses do ano supera os 605 mil accesos, o que supón un crecemento do 85% sobre o mesmo período do 2005.

Ocupación hoteleira

De acordo cos datos presentados pola Asociación de Hostalería de Santiago e Comarca, o pasado mes de setembro os estabelecementos hoteleiros da cidade rexistraron unha media do 65,56%, é dicir, 0,22 puntos máis que no mesmo mes do ano pasado.

Pero ademais, dado que os hoteis de 3, 4 e 5 estrelas contan cun total de 3.742 prazas -609 máis que no 2005- pode calcularse que lograron facturar 79.097 noites de aloxamento, isto é, 12.172 máis que no mesmo mes do ano anterior, cando se contabilizaron 66.925. A diferenza representa un crecemento do 18,2% nas pernoctacións.

Segue o crecemento de Lavacolla

Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 185 mil pasaxeiros este pasado mes, un 7% máis que no mesmo mes do 2005, cando se rexistraron 174.446.

Desta maneira, Lavacolla acumularía máis de millón e medio de viaxeiros nos primeiros 9 meses de 2006. O crecemento previsto por Turismo de Santiago para o próximo trimestre, coa posta en marcha das tres novas frecuencias de Air Berlin e o pleno funcionamento das novas rutas de Vueling a París e de Ryanair a Liverpool, permitirá cumprir as expectativas de chegar aos 2 millóns de pasaxeiros a finais do ano.

Compartir: