ALCALDÍA

Compostela achégase á ciencia

10/10/2006 O Nóbel de Medicina Torsten Wiesel pasou por Raxoi, onde foi recibido polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. Alí falaron de ciencia e da conferencia que pouco despois ía pronunciar sobre "Santiago Ramón y Cajal and Modern Brain Science". O Libro de Honra do Concello xa ten a súa ilustre sinatura.

O científico de orixe sueca estaba na cidade para participar no programa "ConCiencia", promovido polo Consorcio de Santiago para achegar a ciencia á cidadanía e fomentar o intercambio entre a comunidade científica. Torsten Wiesel recibiu o Nóbel de Medicina e Fisioloxía en 1981 polos seus descubrimentos sobre o procesado da información no sistema visual. A súa investigación demostrou como a zona cerebral encargada da visión necesita de estímulos para o seu desenvolvemento. O seu achado converteuse nun aspecto clave no debate sobre se as cualidades dun individuo son innatas ou adquiridas.

Wiesel é presidente honorario da Rockefeller University e secretario xeral do Human Frontier Science Program. Dende esta institución tense pronunciado sobre un tema tan polémico como a experimentación con células nai embrionarias. Defende esta investigación como un dos maiores descubrimentos das últimas décadas e lamenta que o debate estea centrado en cuestións máis políticas que científicas. A súa postura neste tema, sobre a que escribiu ao propio George Bush, valeulle o veto da Casa Branca.

Tras recibir a Torsten Wiesel, Sánchez Bugallo asistiu á conferencia que pronunciou na Facultade de Medicina, onde falou da achega trascendental de Ramón y Cajal á moderna ciencia cerebral, cando se conmemora o centenario da concesión do Nóbel ao científico español polas súas investigacións sobre o sistema neurolóxico.

Compartir: