CULTURA

Obradoiros para aprender as artes do Novo Circo

10/10/2006 Un total de 10 obradoiros municipais permitirán a nenos e maiores iniciarse e achegarse a diferentes disciplinas do Novo Circo. O evento está organizado pola Concellería de Cultura, en convenio con Pista Catro.

"Estes obradoiros nacen da demanda de moitas das persoas asistentes aos espectáculos de Novo Circo que se fan en Compostela e da base sólida que hai detrás", apuntou o concelleiro de Cultura, Néstor Rego. As clases impartiranse os sábados, de forma consecutiva, ata o 16 de decembro, comezando o día 14 de outubro. Tres dos obradoiros dedicaranse ao clown , tres aos malabares e tres ás acrobacias. Ademais haberá unha clase final na que os alumnos amosarán o aprendido.

O custo das 10 clases é de 30 euros, un prezo asequible que está a animar aínda máis aos interesados. De feito, xa hai tres grupos completos para o sábado 14, coa posibilidade de habilitar un grupo máis se houbese demanda.

Para participar non é necesario ter experiencia previa, xa que van ser obradoiros introdutorios e moi básicos, para que as alumnas e alumnos tomen un primeiro contacto e, se lles interesa algunha das disciplinas, poidan profundizar máis noutros cursos. De calquera xeito, tamén poderán asistir aqueles con algún coñecemento, xa que os cursos estarán divididos en grupos, cun para adultos sen experiencia e outro para os que teñan algunha.

O único que se precisa é gañas de aprender as artes do Novo Circo e roupa cómoda deportiva. No caso das clases de malabares, quen teña o seu propio material pode levalo, aínda que se disporá dun material adicional para quen non o teña.

Compartir: