XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda cumprir a sentenza do TSXG e liquidar o contrato do servizo de guindastre e ORA

30/10/2015 A Xunta de Goberno acordou hoxe a execución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que deixou sen efecto a adxudicación do contrato de concesión da ORA e o guindastre a favor da empresa Setex Aparqui. Deste xeito, acórdase proceder á liquidación do contrato, segundo o indicado pola intervención municipal.

Posto que a inmediata suspensión do servizo suporía un grave quebranto ao interese público, acórdase a continuidade de Setex Aparqui por un período de tres meses, prorrogable. Nese prazo, o Goberno local decidirá se convocar un novo concurso ou remunicipalizar o servizo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que a vontade do Executivo é esta última, se ben aclarou que a decisión final dependerá dos estudos económicos e xurídicos que se están realizando. Tamén se están elaborando informes sobre a liquidación do contrato, para determinar se é preciso pagarlle algunha indemnización a Setex Aparqui, ou se é a empresa a que lle ten que abonar algunha cantidade ao Concello.

Xan Duro explicou que, máis alá dos custos económicos de remunicipalizar o servizo, a decisión dependerá en boa medida dun informe xurídico que aclare se os 41 traballadores de Setex Aparqui en Santiago poden ser incorporados a Tussa. A principal dúbida ten que ver coa taxa de reposición que lle impide ás administracións locais incorporar novo persoa, e con se esta norma lle afectaría a unha empresa municipal que vai ofertar un novo servizo.

Outros acordos da Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno tamén autorizou o inicio dos trámites para a recepción parcial das obras de acceso ás zonas altas da Almáciga, no ámbito de Santa Clara-Basquiños. Na acta faranse constar as circunstancias que impiden a instalación dos colectores soterrados previstos no contrato. O secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro, explicou que a illa non se puido colocar por problemas coas conducións de servizos no lugar establecido. A intención é agora instalalas ao carón do edificio da Dirección xeral de Emigración.

Na reunión desta mañá, o Executivo tamén lle adxudicou á empresa Ferrovial o servizo de mantemento do alumeado público, instalacións eléctricas dos locais municipais e instalacións do alumeado ornamental dos monumentos do Concello de Santiago. O contrato terá unha duración de tres anos, por un importe de 766.497,22 euros/ano máis IVE.

En materia de subvencións, a Xunta de Goberno resolveu a convocatoria de axudas para as asociacións veciñais, pola que se reparten 64.713,01 euros entre 41 colectivos; e a convocatoria de subvencións para o fomento de actividades a prol da igualdade entre mulleres e homes, pola que se reparten 16.086,67 euros entre 14 entidades.

Compartir: