CASA DA TROIA

Tunos veteranos de España, Portugal, Holanda e México conmemorarán en Santiago o centenario da primeira edición da novela "La Casa de la Troya", de Pérez Lugín

29/10/2015 Con motivo do centenario da primeira edición da novela La casa de la Troya, de Alejandro Pérez Lugín (1915), o Museo Casa da Troia acolleu a presentación dos actos que a Asociación de Antigos Tunos Composteláns, entidade que xestiona o museo, está a organizar para conmemorar esta efeméride. A vindeira semana, os días 6 e 7 de novembro, celebraranse os II Encontros Troianos en Compostela. No marco desta cita, terá lugar o Festival do Centenario no Auditorio Abanca de Santiago.

O segundo tenente de alcalde, Jorge Duarte, participou no acto de presentación, no que tamén interviñeron Benigno Amor, presidente da Asociación de Antigos Tunos Composteláns; Fernando Reyes, director do Grupo de pulso e púa do Museo Casa da Troia; Sara Santos, presidenta da Asociación Hostalería Compostela; e Ramón Mariño, director da Zona de Santiago de Abanca.

Estes actos reunirán máis de 250 persoas integrantes de agrupacións de pulso e púa de tunas veteranas procedentes de diferentes puntos de España, Portugal, Holanda e México. Na selección destas agrupacións tivéronse en conta factores históricos vencellados á novela e ao seu tempo. Así, de Portugal estarán a Quarentuna de Coimbra -que naceu pola influencia da viaxe que a Tuna Compostelá fixo a Portugal en 1888- e a Tuna Veterana da Universidade Portucalense.

Co obxecto de contar coa presenza de persoas procedentes de diferentes cidades ligadas a Pérez Lugín como Madrid, Valencia ou Sevilla, participará Tuna España, conformada por tunos veteranos de diversas universidades españolas.

A este festival tamén están convidadas tres agrupacións mexicanas, a Cuarentuna da Cidade de México, a Cuarentuna de Ouro da Universidade de Guanajuato e a Estudiantina dos Decanos da Universidade de Querétaro. Completan o programa a Tuna Ciudad de Luz de Holanda e o Grupo de pulso e púa da Asociación de Antigos Tunos Composteláns-Casa da Troia.

Os actos comezarán o venres 6 pola tarde, coa recepción aos directores da agrupacións participantes no Museo Casa da Troia. Deseguido realizarase unha ofrenda ao Apóstolo na Misa do Peregrino e, ao remate, os grupos iniciarán un pasarrúas na praza das Praterías, cun percorrido polo casco histórico que rematará na praza do Obradoiro.

O sábado 7 pola mañá actuarán de novo en diversas rúas e prazas de Santiago, co fin de facer partícipe do ambiente troiano á cidadanía e aos visitantes. Este pasarrúas concluirá no Pazo de Fonseca, onde terá lugar un acto académico presidido polo reitor da USC. Logo as agrupacións tocarán na praza de Fonseca e a continuación realizarán unha ofrenda floral a Rosalía de Castro na Alameda.

Festival do Centenario
O sábado pola tarde, ás 18:30 horas, comezará o Festival do Centenario no Auditorio Abanca. As entradas poden adquirirse a 5 euros para butaca e a 3 euros para o anfiteatro en diversos establecementos da cidade: Librería Toural, Amboa, Café Zum Zum, Librería Couceiro e Casino. Cada agrupación interpretará catro pezas, cando menos unha do repertorio musical galego e outra típica da súa universidade de procedencia. Pola noite actuarán de novo polas rúas de Compostela e os encontros rematarán de madrugada cunha sesión musical no Casino.

O debuxo que ilustra o cartel do Festival é do deseñador galego Xosé Vizoso. Ademais, Sargadelos vai sacar unha nova tiraxe da medalla que fixera no ano 1993 para conmemorar a inauguración do Museo Casa da Troia.

Este proxecto está patrocinado polo Concello de Santiago, a Consellería de Cultura, a Deputación da Coruña e a Fundación Abanca. E conta coa colaboración da Universidade de Santiago e da Asociación Hostalería Compostela. O Museo Casa da Troia, que permanece pechado durante os meses de inverno, abrirá especialmente para a ocasión dende o xoves 5 ata o domingo 8 de novembro.

Compartir: