DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Máis de 1.300 persoas xa se inscribiron nas ofertas de traballo xestionadas para o FOCO

29/10/2015 O Foro Colaborativo polo Emprego de Santiago de Compostela (FOCO2015) acollerá os días 5 e 6 de novembro un amplo abano de actividades como espazo de encontro entre demandantes de emprego, empresas e axentes sociais.

O acceso ao Foro, que se celebrará no Palacio de Congresos, é aberto e sen necesidade de inscrición previa. Así as persoas asistentes poderán acudir a unha zona de stands con empresas, participar en presentacións de empresas e de experiencias no ámbito da economía social, así como enviar currículos en formato dixital a diversos portais de recrutamento desde un espazo de terminais.

O Foco tamén hai actividades que requiren unha inscrición previa a través da web www.axencialocaldecolocacion.org, destacando especialmente as denominadas "Mesas de diálogo para o emprego". Trátase dun foro aberto para coñecer e debater as próximas estratexias locais no eido do emprego, partindo de tres grandes bloques temáticos: empregabilidade; empresa e economía social; cidadanía e desenvolvemento.

En total hai previstas 17 mesas, de modo que cada persoa poda inscribirse nas temáticas que máis lle interesen. En cada mesa contarase coa presenza de persoas expertas que contextualizarán e exporán a súa visión sobre a temática en cuestión. Ademais, as persoas asistentes poderán coñecer as propostas extraídas dun proceso participativo que se iniciou no verán, así como priorizar medidas ou aportar novas achegas para concretar a próxima estratexia local de emprego. Nestes momentos hai 618 inscritas para participar nestas xornadas.

Por outra parte, dende o 1 de outubro e ata o 3 de novembro, estanse a realizarse tarefas de intermediación e xestión de ofertas de emprego. Polo momento publicáronse na web da Axencia 81 ofertas para 129 postos de traballo, sendo 1.307 persoas as que se inscribiron cando menos nunha oferta. Ademais no Foro desenvolveranse encontros individuais con diversas empresas interesadas en preseleccionar candidatos/as, mediante a actividade "Dáte a coñecer – entrevistas rápidas con empresas", cuxas inscricións xa ficaron pechadas logo de superarse as 600 persoas anotadas.

O Foro Colaborativo polo Emprego é unha actividade do Programa Local de Apoio ao Emprego, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, que leva a cabo o Concello de Santiago xunto coa Cámara de Comercio de Santiago co obxectivo de favorecer o coñecemento do mercado laboral, o encontro entre empresas e demandantes, así como, desde un enfoque participativo, permitir unha reflexión colectiva para consensuar o próximo Plan Local de Emprego.

Compartir: