ACCIÓN CULTURAL

Josema Yuste, Felisuco e Diana Lázaro, entre outros, presentan ‘Taxi" en Compostela

29/10/2015 A adaptación feita por Josema Yuste e Alberto Papa-Fragomén da obra de Ray Cooney, Taxi, chegará a Compostela ma este venres 30 de outubro dentro da programación Teatro 2015 da Concellaría de Acción Cultural. As entradas teñen un prezo de 22 € no patio de butacas A e anfiteatro 1; 20 € no patio de butacas B e 18 € no anfiteatro 2. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas, de martes a sábado e días do evento), no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.

Por dúas mulleres… sempre á carreira… O protagonista, taxista de profesión, está casado con dúas mulleres e vive con cada unha nun barrio diferente. Isto obrígao a levar unha planificación de horarios moi estrita e a facer verdadeiros xogos malabares para contentar a ambas. Está namorado das dúas e non quere perder ningunha.

Todo o seu plan vénse abaixo cando acaba por accidente no hospital e o seu nome aparece por partida dobre na comisaría de cada distrito e comeza o enredo. A máis exitosa comedia de Ray Cooney, Run for your wife, estreouse no West End londiniense en 1983 e permaneceu en cartel durante 12 anos interpretada polos máis populares cómicos británicos. Saltou a Broadway e contabilízanse máis de 500 producións en todo o mundo en máis de 30 linguas.

"Déixense seducir e crean no incrible desta historia, sen esquecer nunca que o incrible non supera moitas veces a realidade. Por iso Taxi é un vodevil realmente incrible… ou non…?" (Josema Yuste).

Compartir: