EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños celebra o Samaín

28/10/2015 Este mércores, as familias dos nenos e nenas da Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños, o persoal do centro educativo e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, participaron en varias das actividades que arredor do Samaín se veñen desenvolvendo nas últimas semanas: elaboración de cabazas, contacontos, representacións teatrais, receitas de cociña e xogos, entre outras. Estas actividades son un punto de encontro para a comunidade educativa e para a socialización dos 123 nenos matriculados neste equipamento educativo municipal.

Na entrada do centro pódese ver a Expocabaza, na que as familias exploran o seu lado máis artístico cos seus fillos e fillas decorando unha cabaza. O equipo de profesionais desta Escola Infantil traballou nos últimos meses nas diferentes celebracións e festas como unha ocasión para abrir este centro á convivencia de todos os membros da comunidade educativa.

Durante estes días realizáronse diferentes propostas pedagóxicas, entre as que xa salientan as relacionadas coa gastronomía, porque saben que é unha continuidade perfecta para a introdución de alimentos sans e hábitos de conduta alimentaria para estas idades.

Como sempre, as actividades están dirixidas a todos os nenos e nenas matriculados na Escola Infantil, aínda que nesta ocasión o papel principal téñeno os maiores da escola, os nenos de 2-3 anos, que preparan con moita ilusión esta festa.

Compartir: