EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Concellaría de Educación e Cidadanía convida os composteláns a descubrir o patrimonio funerario do municipio

29/10/2015 O próximo 2 de novembro celébrase o Día de Defuntos, e é tradición acudir aos cemiterios e poñelos o máis engalanados posible. Ao redor desta data, a Concellaría de Educación e Cidadanía pon en marcha un programa de divulgación e posta en valor do patrimonio funerario de Santiago. Trátase de coñecer a historia local da "cidade viva", a través das "cidades das persoas mortas", de personaxes anónimos e de figuras ilustres da política, da industria, das artes ou das letras.

O programa educativo comezou este xoves cun itinerario didáctico no cemiterio municipal de Boisaca. Nesta primeira ruta participaron o concelleiro de Educación, Manuel Dios, outros edís da Corporación e un grupo de alumnos de secundaria do IES Rosalía de Castro.

Despois desta primeira visita, farase unha convocatoria para que os centros de ensino participen nesta nova proposta educativa, que se complementará con outras actividades de formación do profesorado e materiais didácticos.

Patrimonio funerario
Á hora de abordar unha análise sobre o patrimonio funerario de Santiago é necesario falar das máis de media ducia de mámoas e antas que se espallan polas 29 parroquias do concello. Enterramentos megalíticos que serían os antecedentes prehistóricos dos sepulcros medievais, sendo o sartego máis coñecido o do Apóstolo Santiago da Catedral. Un templo que se ergue sobre unha gran necrópole de orixe romana e ao redor da, que ata o século XVIII, funcionou como camposanto, a súa Quintana dos Mortos. Tras a clausura, avanzouse cara a construción de cemiterios fóra das murallas, polo que habería que continuar polos cemiterios provisorios ata chegar a Bonaval, espazo clausurado en 1971 por motivos de seguridade e hixiene e convertido na actualidade nun lugar de recreo e ocio, e Boisaca. Un percorrido no que tampouco debemos esquecer o Panteón de Galegos Ilustres, recintos xa desaparecidos ou en desuso e os camposantos das parroquias.

Ademais, tamén é preciso facer referencias tanto á literatura como á cultura inmaterial. Ritos, lendas e tradicións propias da cidade como a que di que, ata finais do século XIX, os enterros se realizaban nas primeiras horas da noite, cun silencioso cortexo acompañando á persoa defunta; ou mesmo a través dos nomes dos lugares, de topónimos e microtopónimos.

Boisaca
Ao inicio da visita guiada, na entrada principal do cemiterio de Boisaca, tratáronse temáticas relacionadas cos antecedentes desta necrópole, as fases construtivas e a tipoloxía arquitectónica. Posteriormente, proseguiuse cun percorrido polo interior do recinto cunha serie de paradas a través das que se analizoua súa distribución e organización, con especial fincapé nas zonas verdes e nos seus usos. Tipoloxicamente analizáronse os diversos tipos de sepulturas e os materiais construtivos, así como artistas e obradoiros: autores como Asorey, Cástor Lata, Eduardo Parrado, Garabal, José Cao, Manuel Miranda, Suso León ou Manuel García; marmoristas como Eiroa, Carracedo ou Barral; e mesmo ferreiros como Jenaro Tarrío, que deixaron a súa pegada en varios dos enterramentos.

De xeito paralelo á identificación de autores de obras funerarias, foron xurdindo os nomes de homes e mulleres soterrados e que destacaron na vida local e noutros territorios e que alí xacen en Boisaca: artistas, xornalistas, escritores e escritoras, empresarios e empresarias, profesionais da medicina ou personaxes populares, entre outros moitos. O percorrido rematou no monumento ás persoas que entre os anos 1936 e 1938 foron fusiladas nos muros do cemiterio.

Compartir: