EDUCACIÓN E MOCIDADE

Compostela forma novos monitores de tempo libre

06/10/2006 A Concellaría de Educación e Mocidade e o centro de estudios FESAN organizan un curso de monitores de tempo libre, do 20 de outubro ao 17 de decembro. Esta iniciativa, incluída nas accións formativas para a especialización da mocidade en actividades extraescolares, quere incidir nunha mellor dinamización da mocidade compostelá e contribuír á profesionalización na organización das actividades extraescolares dos centros de ensino da cidade.

Este proxecto nace dun estudo previo, realizado no ano 2005, da situación das actividades extraescolares nos diferentes centros de ensino de Compostela. O mesmo concluíra que existen diferenzas significativas no funcionamento das actividades desenvolvidas polos centros de ensino e a falta de formación e especialización dos monitores no campo de lecer e tempo libre.

O programa conterá con distintos módulos formativos teóricos e prácticos. Ademais, contémplanse a realizacións de visitas guiadas a centros de interese que se veñen realizando ao longo do curso escolar dentro do Programa Municipal de Utilización Didáctica da Cidade. As clases serán impartidas por docentes da Escola de Tempo Libre de FESAN.

Este curso está destinado a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e a todas aquelas persoas que están a traballar nas actividades extraescolares dos centros de ensino de Santiago de Compostela. Realizarase nas instalacións da Escola Municipal de Música.

Direcciones relacionadas



Compartir: