PLENO

O Pleno aproba a solicitude de devolución a dez anos de 1,1 millóns de euros ao Estado pola liquidación definitiva do PIE 2013

28/10/2015 O Concello de Santiago terá que devolver 1.106.891,51 millóns de euros dos ingresos que recibiu en 2013 por parte do Estado pola participación dos tributos do Estado (PIE 2013). Isto é o resultado das diferencias entre as entregas recibidas polo Concello en 2014 e a liquidación real, que arroxa esta diferencia que hai que devolver.

Esta devolución pódese facer a 3 ou a 10 anos, sen intereses, polo que o Goberno municipal propuxo ao Pleno que se fixese a 10 anos (120 mensualidades) para non diminuír máis os recursos do Concello, nin incrementar desmesuradamente a débeda e hipotecar futuras políticas públicas. Unha proposta permitida pola Disposición Adicional décima do Real Decreto-Lei 17/2014, de 26 de decembro, de medidas de sustentabilidade financeira das comunidades autónomas e entidades locais. Esta solicitude de diferimento foi aprobada por unanimidade dos catro grupos municipais.

Non é a primeira vez que isto acontece. Así, no exercicio 2010 e 2011 respecto das liquidacións do exercicio 2008 e 2009, saíron a devolver 1.921.341,67 e 6.354.069,02 euros, respectivamente. Estas devolucións aínda se están realizando polo Concello, quedando pendentes a 1 de xaneiro de 2015 5.589.559,32 euros.

Compartir: