ACCIÓN CULTURAL

"Mediterránea", en proxección simultánea en oito cidades europeas, entre elas Compostela

26/10/2015 O vindeiro 11 de novembro celebrarase un evento pioneiro na traxectoria do Premio LUX, que terá como protagonista unha das finalistas do galardón: Mediterránea, de Jonas Carpignano. A película proxectarase de forma simultánea en oito cidades europeas diferentes: Santiago de Compostela (dentro da programación de Cineuropa), Sevilla (durante o Festival de Cine Europeo de Sevilla, SEFF), París (no Forum des Images), Bratislava (no Festival de Bratislava), Cork (durante o Festival de Cork), Lisboa (na sala Cinema City Alvalade) e Bucarest (no Cinema Studio).

Tras a proxección da película, unha crúa e vixente historia de inmigrantes a través do Mar Mediterráneo, terá lugar un debate co seu director, evento que será retransmitido en directo desde a capital belga ás oito cidades elixidas.

O Premio LUX é un galardón que dende 2007 outorga anualmente o Parlamento Europeo ao cinema que ilustre a universalidade dos valores europeos, a diversidade de culturas, ou que trate dalgunha maneira a construción da Unión Europea. De dez películas seleccionadas por un comité de expertos, tres finalistas entran no certame e a unha delas outórgaselle o Premio. As películas elixidas son subtituladas nas 24 linguas oficiais da Unión e exhibidas en todos os Estados membros da UE.

No festival de Cineuropa proxectaranse tamén as outras dúas finalistas do Premio LUX: Mustang, de Deniz Gamze Ergüven, e The Lesson (Urok), de Kristina Grozeva e Petar Valchanov. A través da web dos LUX Film Days, os espectadores poderán participar na votación da Mención Especial do Público, ata a cerimonia do galardón, que se celebrará o vindeiro 24 de novembro en Estrasburgo.

Compartir: