UMAD

A UMAD pon en marcha os obradoiros do Programa de pais e nais para a educación

06/10/2006 "O respecto como prevención. Construíndo dende a familia persoas e cidadáns" é o título do primeiro taller do Programa de pais e nais para a educación, que organiza a Unidade Municipal de Atención aos Drogodependentes (UMAD). Neste obradoiro, que se celebrará os venres 20 e 27 de outubro e 10, 17 e 24 de novembro, de 18:00 a 20:00 horas, abordaranse temas como as dificultades de comunicación, o fracaso escolar, as drogas, o vandalismo, o incumprimento de normas ou os problemas de convivencia.

Dende a UMAD saliéntase o importante papel da familia na construción dos presentes e futuros cidadáns. Por iso preparou un espazo e un tempo para a reflexión e a aprendizaxe dende a perspectiva da prevención.
Con este taller preténdese facilitar a tarefa educativa dos pais e nais, e que os participantes adquiran as habilidades axeitadas para previr as dificultades e potenciar os valores positivos nos seus fillos e fillas. O obxectivo é potenciar os recursos preventivos que xa posúen os participantes.

Ao longo das 10 horas de duración do obradoiro, falarase de como tirarlle partido á convivencia, do estabelecemento e mantemento de normas e límites, da resolución dos conflitos, da escoita activa como método de comunicación eficaz e das barreiras da comunicación. Todo isto adaptado en función das idades dos fillos e fillas. Traballarase en grupo, debaterase e presentaranse situacións reais.

O curso está dirixido a pais, nais e titores e titoras legais. O obradoiro será impartido por María José Blanco Freire, psicóloga da UMAD, e a matrícula é gratuíta. Para que os pais podían participar, haberá un servizo de ludoteca gratuíto para os máis pequenos.

Documentos relacionados



Compartir: