ALCALDÍA E ESPAZOS CIDADÁNS

O Goberno local, en conversas para anular o convenio co aparcadoiro de Galeras

26/10/2015 O alcalde confirmou hoxe que o Goberno local está falando coas partes implicadas para anular o convenio coa concesionaria do estacionamento de Galeras que contemplaba a construción de novos accesos ao aparcadoiro ocupando espazo público. Martiño Noriega deulle conta destas conversas á Asociación de Veciños do barrio, nunha reunión celebrada este mediodía no Pazo de Raxoi.

O alcalde explicou que o goberno local sintoniza coas reclamacións da Asociación de Veciños, e asegurou que a empresa concesionaria do aparcadoiro, Tugalo, está amosando boa disposición para a anulación do convenio. Segundo Martiño Noriega, esa medida non suporía o pago de indemnizacións. En todo caso, o rexedor insistiu na vontade de prudencia por parte do executivo porque, lembrou, "o convenio está inmerso en procedementos administrativos e xudiciais".

Outras demandas
Aínda que o convenio co estacionamento era a principal preocupación da Asociación de Veciños de Galeras, os seus responsables aproveitaron a xuntanza para formularlle ao alcalde outras demandas. Unha delas tén que ver coa Casa das Máquinas de Fenosa, que o colectivo pretende que se abra á cidadanía como un espazo multifuncional que poidan utilizar os veciños e empresarios da zona, e mesmo a comunidade educativa do colexio Raíña Fabiola. Martiño Noriega explicou que no edificio aínda hai un transformador, e adiantou que o Concello xa está en conversas con Fenosa para que o retire. Ademáis, advertiu de que o inmoble presenta problemas de seguridade.

Os veciños de Galeras tamén se interesaron pola situación do antigo Hospital Xeral, que consideran idóneo para ubicar un centro de día para persoas maiores. Ao respecto, o alcalde lembrou que o papel do Concello neste caso é de "axente facilitador", porque buscarlle un novo uso ao edificio "depende da iniciativa privada e, xa que logo, non hai garantías de éxito".

Por último, o colectivo veciñal trasladoulle ao rexedor outras vellas demandas relacionadas coa calzada do Carme, e a sinalización do Camiño de Fisterra.

Compartir: