ALCALDÍA

O alcalde reúnese co comité executivo da Confederación de Empresarios da Coruña

26/10/2015 O alcalde de Santiago reuniuse esta mañá co comité executivo da Confederación de Empresarios da Coruña, encabezado polo presidente da CEC, Antonio Fontenla. Foi unha primeira xuntanza de toma de contacto, na que Martiño Noriega e os representantes da patronal coruñesa puxeron sobre a mesa algunhas preocupacións comúns, fundamentalmente en materia de infraestruturas.

O rexedor compostelán aproveitou a entrevista para informar aos responsables da CEC do estado dalgúns proxectos importantes para a capital galega, como a ampliación da AP-9, e dos trámites realizados para conseguir as conexións da autoestrada coa A-54 e coa N-550. Martiño Noriega e Antonio Fontenla tamén falaron da situación do aeroporto de Lavacolla e da vella terminal.

Na reunión, o alcalde tamén lle deu conta ao presidente da CEC da preocupación do Goberno local polos usos comerciais do casco histórico, e pola proliferación de tendas de recordos. Martiño Noriega reiterou a aposta do seu executivo pola recuperación do comercio tradicional na zona vella, "unha proposta que nace do sentir do sector comercial e hostaleiro", e sinalou que a intención do Concello é regulalo a través do Plan Especial do Casco Histórico.

Tanto o alcalde como os responsables da Confederación de Empresarios da Coruña salientaron o seu bo entendemento, e expresaron o seu desexo de manter unha relación fluída ao longo do tempo.

Compartir: