IGUALDADE

O Concello de Santiago condena os últimos crimes machistas e garda un minuto de silencio en memoria das vítimas

26/10/2015 O Concello de Santiago expresou hoxe a súa condena aos últimos asasinatos machistas, que lle custaron a vida a tres mulleres en Tenerife, Málaga e na localidade pontevedresa de Ponte Sampaio. Fíxoo gardando un minuto de silencio este mediodía na praza do Obradoiro, dándolle cumprimento así á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro. No que levamos de ano, 39 mulleres foron asasinadas por homes cos que tiñan ou tiveran unha relación sentimental, cinco delas en Galicia.

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: