ALCALDÍA

Bilbao rende homenaxe a Santiago de Compostela

06/10/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu en Bilbao, acompañado dos seu homólogo bilbaíno, Iñaky Azkuna, a inauguración da rúa "Santiago de Compostela". Con esta denominación, o concello biscaíño quere render homenaxe á comunidade galega e , de xeito especial, á capital de Galicia da que salientan a súa calidade de cidade Patrimonio da Humanidade e punto fundamental do Camiño de Santiago.

A elección do nome de Santiago de Compostela para bautizar a rúa situada na zona de Miribilla pretende mostrar, segundo salientou o rexedor bilbaíno, Iñaky Azkuna, a sentida admiración do municipio vasco cara o patrimonio, calidade humana e a hospitalidade da capital galega.

No acto de inauguración, o alcalde bilbaíno quixo resaltar as dúas caras de Santiago: a da tradición, que se respira a través das súas pedras, e a da modernidade, que se manifesta na vitalidade do seu día a día. Iñaky Azkuna fixo súa a definición que de Santiago se recolle na Guía de Cidades Patrimonio da Humanidade e destacou que "Compostela, por tradición e por personalidade, é unha cidade aberta, coa hospitalidade como sinal de identidade, desexosa de mostrar a súa historia e a súa lenda, de compartira a fascinación das súas rúas e prazas con tódolos visitantes".

Pola súa parte, o alcalde compostelán, agradeceu a atención do concello bilbaíno e aproveitou a ocasión para invitar ao seu homólogo á inauguración da rúa Bilbao, situada entre A Choupana e Mestre Mateo.

A nova rúa "Santiago de Compostela" é unha avenida peonil, cunha pavimentación composta por faixas de adoquín vermello e zonas de asfalto fundido. Así mesmo, conta con abundantes zonas verdes e cunha iluminación resolta con farois de luminaria esférica. En breve, construírase nela un novo centro comercial e o acceso á futura estación de tren de proximidades.

Compartir: