CONVIVENCIA

Segue aberto o prazo para solicitar os pases para vehículos desde San Francisco

23/10/2015 As peticións poderanse tramitar ata o 30 de outubro. O 4 de novembro empezarán a funcionar as cámaras lectoras de matrículas de San Francisco e Porta Faxeira, e os bolardos de Casas Reais e San Fiz.

O próximo 4 de novembro empezarán a funcionar as cámaras lectoras de matrículas de San Francisco e Porta Faxeira, así como os bolardos de San Fiz e Casas Reais. Por iso, o Concello abriu un prazo para a solicitude de pases para vehículos, tanto de particulares como de empresas. Ese prazo remata o día 30 de outubro.

Todos aqueles organismos oficiais e vehículos comerciais rotulados que necesiten acceder a San Francisco a través do lector de matrículas, deberán comunicar a súa matrícula a través do correo electrónico traficocidadan@santiagodecompostela.gal, explicando os motivos polos que precisan utilizar esa entrada. Os veciños e locais comerciais da rúa de San Francisco poden solicitar o permiso na Oficina de Atención ao Cidadán. No resto dos casos, a solicitude farase en persoa no rexistro. Calquera dúbida ou consulta será atendida a través do teléfono 981-543128.

O Concello tamén revisará os permisos xa concedidos, para comprobar que se axustan a unha necesidade real. Ao tempo, lembra que o acceso irregular á zona vella suporá unha sanción de 60 euros, por infracción leve.

Compartir: