ALCALDÍA

O Centro Nacional de Formación en materia de rehabilitación empezará a funcionar no próximo curso

23/10/2015 O Concello e a Fundación Laboral da Construción explorarán a posibilidade de ampliar as súas liñas de colaboración.

O alcalde, Martiño Noriega, reuniuse hoxe co xerente en Galicia da Fundación Laboral da Construción, Fernando García Novo, e co responsable do proxecto do Centro Nacional de Formación de referencia en materia de Rehabilitación, Hipólito Trinidad. O encontro tiña como obxectivo coñecer a marcha da actuación que convertirá a antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba, no barrio de O Avío, na sede desa entidade.

Os responsables da Fundación Laboral da Construción amosáronse convencidos de que o Centro Nacional de referencia en materia de Rehabilitación do podería empezar a funcionar no próximo curso académico. A primeira fase da rehabilitación da antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba está a ser financiada de maneira íntegra polo Consorcio, a través de fondos europeos Feder. A obra, cun orzamento de 962.207,61 euros, supón a recuperación das edificacións existentes.

Pola súa banda, a Fundación Laboral da Construción encárgase da execución de novas construcións no recinto intramuros da curtidoría, cun orzamento de máis de dous millóns de euros. Cando rematen estas actuacións, para que o centro poida estar operativo, haberá que acometer unha segunda fase dos traballos, para o acondicionamento interior das edificacións.

Cun orzamento de 1.150.000 euros, esta fase terá un prazo de execución de cinco meses, e Fundación estima que estará rematada no verán, Na reunión desta mañá quedou patente a boa sintonía entre o Concello e a Fundación Laboral da Construción, que se amosaron dispostos a ampliar a súa colaboración. Tamén exploraron a posibilidade de deseñar proxectos conxuntos para continuar co acondicionamento do contorno da antiga curtidoría.

Centro de referencia
Compostela foi designada sede deste Centro Nacional de referencia en materia de Rehabilitación en marzo de 2011, a través dun convenio de colaboración asinado polo Consorcio de Santiago, a Fundación Laboral da Construción, a Xunta e o Ministerio de Fomento.

Para a elección de Santiago, tívose en conta a experiencia do Consorcio en materia de rehabilitación e vivendas, e máis en concreto o traballo do Obradoiro de Lousados que xa forma a especialistas no mantemento dos pavimentos históricos. O complexo de Pontepedriña de Arriba estará destinado á formación de traballadores vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos, especialmente orientado a oficios relacionados coa cantería, a carpintería e a follalatería.

Ademáis, será un lugar de formación de formadores, cabeceira do Estado para outros centros semellantes. A curtidoría de Pontepedriña de Arriba  O Centro Nacional de Formación en materia de Rehabilitación estará ubicado na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba, nas beiras do río Sarela, no compostelán barrio do Avío.

Trátase dunha vella fábrica de curtidos, con orixe no século XVIII e dun alto valor patrimonial. O inmoble e o terreo adxacente, que suman un total de 23.132 metros cadrados, foron adquiridos pola Fundación Laboral da Construción.  

Compartir: