ALCALDÍA

O alcalde e a concelleira de Promoción Económica visitan as instalacións de Castrosua

22/10/2015 Martiño Noriega e Marta Lois fixeron un percorrido polas instalacións acompañados do presidente e dos empregados da empresa, Juan Luis Castro.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, desprazouse xunto a concelleira de Promoción Económica, Marta Lois, ata as instalacións que a empresa Castrosua ten na cidade. O rexedor compostelán asinou no libro de visitas da compañía e, posteriormente, fixo xunto con Marta Lois un amplo percorrido por todas as naves da empresa. O seu presidente, Juan Luis Castro, explicoulles o proceso de fabricación dos autobuses e ensinoulles os novos modelos de autocares máis respetuosos co Medio Ambiente.

En declaracións aos medios, o alcalde destacou a "importancia que Castrosua ten na cidade, como empresa estratéxica que da traballo a máis de 250 familias compostelás". Martiño Noriega destacou ademais que se trata dunha empresa de tradición familiar que xera "espazo de confianza", ao mesmo tempo que apostan pola innovación.

Con esta visita o rexedor compostelano continúa coa súa rolda de visitas a empresas estratéxicas da cidade que comezou hai unhas semanas coa visita a Finsa.

Sede en Santiago
Castrosua conta con case 400 traballadores, dos que a meirande parte (265) pertencen á planta compostelá, onde a empresa fixou a súa sede. O presidente da compañía, José Luis Castro, quixo agradecer a presenza do alcalde e da edil de Promoción Económica que "significa recoñecer un modelo de traballo e unha filosofía corporativa". A empresa aséntase sobre tres piares, como son a súa vocación internacional, a innovación e o desenvolvemento de alianzas estratéxicas con outras empresas do sector.

Compartir: