ACCIÓN CULTURAL

Os centros socioculturais vólcanse coa programación familiar nos domingos de novembro

22/10/2015 A concellería de Acción Cultural xunta teatro e gastronomía no programa "12 doces de outono".

A concellería de Acción Cultural, a través da rede de Centros Socioculturais, pón en marcha un novidoso programa que vai xuntar teatro e gastronomía, e que está dirixido ao público máis familiar.Trátase de "12 doces de outono", unha proposta que chegará a doce centros socioculturais de Compostela nos domingos de novembro.

O programa "12 doces de outono" vaise desenvolver en oito centros socioculturais do ámbito urbano (As Fontiñas, Santa Marta, Vite, Conxo, Ensanche, Castiñeiriño, Amio e A Rocha) e en catro centros do rural (Marrozos, Lavacolla, Laraño e A Gracia). Cada centro acollerá un espectáculo escénico pensado para o público familiar e adaptado ás características dos centros socioculturais. Ao seu remate, os veciños e veciñas poderán desfrutar activamente da proposta, compartindo receitas e os doces máis típicos destas datas, feitos en obradoiros previos.

Os espectáculos de "12 doces de outono" correrán a cargo de A Tropa de Trapo, Migallas, Xarope Tulú, Elefante Elegante, Os Quinquilláns, Caramuxo Teatro, Anxo Moure, Marta Ortiz, Paula Carballeira, Boabab, Pablo Díaz e Paco Nogueiras. Os detalles da programación pódense consultar na web www.santiagosociocultural.org. A información tamén está dispoñible nun evento en Facebook.
A participación no programa é de balde, só condicionada á capacidade das salas dos centros socioculturais.

"12 doces de outono" é o broche de ouro á programación de outono nos centros socioculturais, que en outubro e novembro acollen numerosas iniciativas relacionadas coas tradicionais festas do Samaín e dos Magostos. De feito, o barrio de Conxo será escenario dunha festa das cabazas o 31 de outubro, e o barrio do Ensanche celebrará un magosto o 7 de novembro.

Documentos relacionados



Compartir: