ALCALDÍA

O alcalde lamenta que Santiago non note o incremento dos orzamentos da Xunta para 2016

21/10/2015 Martiño Noriega ve en risco proxectos importantes para a capital galega como a EDAR ou a Variante de Aradas.

O alcalde fixo hoxe unha primeira valoración das partidas destinadas a Santiago nos orzamentos da Xunta para 2016. Martiño Noriega recoñece que as contas lle deixan "unha sensación agridoce", porque, ainda que se manteñen algúns compromisos coa cidade, "Compostela non sae gañando nuns presupostos que o goberno galego presenta como expansivos, cun aumento de partidas de máis de 400 millóns de euros". De feito, as contías previstas para a capital galega son moi semellantes as dos orzamentos de 2015.

Preocupación pola Variante de Aradas e pola EDAR
Para o alcalde compostelán, un dos principais motivos de preocupación dos orzamentos autonómicos de 2016 tén que ver coa Variante de Aradas. A esta infraestrutura destínanse 629.000 euros, a mesma cifra orzamentada, e non gastada, para este 2015. Martiño Noriega entende que, "deste xeito, esta infraestrutura queda en stand by". A Variante de Aradas está orzamentada en sete millóns de euros, e a Xunta deixa para 2017 o groso do investimento, catro millóns de euros. O trazado definitivo deste vial, de só tres kilómetros, fora aprobado en 2013, e o proxecto inicial presentáraselles aos veciños no ano 2011.

Outra actuación que queda en "stand by" é a Estación Depuradora de Augas Residuais do Souto, que nin sequera aparece nos orzamentos autonómicos do ano que vén. Nos deste ano, había unha partida simbólica de 100.000 euros. A EDAR custará case 60 millóns de euros, e a aportación da Xunta está prevista en nove millóns de euros, a mesma cifra que terá que poñer o Concello de Santiago.

Consorcio e Capitalidade
Martiño Noriega quixo valorar positivamente o mantemento das partidas que o Goberno Galego destina ao Consorcio e á Capitalidade, 2,6 e 2,3 millóns de euros respectivamente. O alcalde explicou que ese foi o compromiso que o presidente da Xunta lle trasladara na reunión que os dous mantiveron no mes de xullo. Iso sí, o alcalde compostelán recoñece "que sería de agardar un aumento dos compromisos da Xunta coa capital galega, no primeiro ano desde o inicio da crise no que anuncia uns ornamentos expansivos". Para o rexedor compostelán, as contas do executivo de Alberto Núñez Feijóo son un "querer e non poder".

Compartir: