ALCALDÍA

O Auditorio de Galicia inaugura ‘Salto de páxina. O libro de artista no século XXI'

21/10/2015 A mostra, organizada polo Auditorio de Galicia e SabadellGallego, recolle un collage único de libros de artista, fotolibros e bibliofilia contemporánea procedente da colección Banco Sabadell e ArtsLibris. Poderá visitarse até febreiro de 2016 no horario habitual da sala de exposicións (de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h, menos os días de concerto que pecha ás 19.00 h).

A mostra poderá visitarse na sala de exposicións do Auditorio de Galicia, a sala Isaac Díaz Pardo, todos os días ata o mes de febreiro de 2016 (agás o 25 de decembro e o 1 de xaneiro que permanecerá pechada). O horario de visita, que é de balde, é de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h (os días que hai concerto no Auditorio, a sala pechará ás 19.00 h)   O alcalde de Santiago, Martiño Noriega agradeceu á Fundación Banco Sabadell "a súa sensibilidade e implicación na vida cultural da cidade" e que "tiveran a ben achegar todos estes fondos da súa colección á nosa cidade para que todos os composteláns e os que nos visiten poidamos gozar deles". Así mesmo, agradeceulle á comisaria, Rocío SC Santa Cruz, que ademais é directora da feira ArtsLibris "polo tanto, ninguén mellor ca ela para comisaria esta exposición"-dixo o alcalde- o seu "bo facer e sensibilidade" así como a chiscadela "especial a creadores galegos que fai que poidamos ver na mostra obras de Antón Lamazares , Leopoldo Nóvoa e Vari Caramés'. Noriega rematou enxalzando o libro como obra de arte, que sobrevive a "este momento apocalíptico do dixital no que vivimos e no que algúns anunciaban a morte do libro" e convidando a toda a cidadanía a visitar o Auditorio de Galicia para gozar da exposición.  

ArtsLibris, a feira do libro de artista e a edición contemporánea de Barcelona, e o Banco Sabadell,  a súa principal empresa patrocinadora,  transforman o Auditorio de Galicia, nunha xeografía de libros que son arte: edicións de libros de artista, fotografía e deseño constitúen este collage único, creativo e innovador. Desde fai sete anos ArtsLibris ten lugar en Barcelona. O obxectivo é estimular o mercado e a creación de libros de artista e o Banco Sabadell patrocina o Premio ArtsLibris / Banco Sabadell que se dedica á adquisición de publicacións. As obras premiadas nestes anos ademais doutras, pertencentes á colección de Arte Banco Sababell e á colección ArtsLibris, forman parte desta exposición. É de destacar que poderemos atopar as obras premiadas na última edición, neste 2015.   Os libros e publicacións de artistas internacionais como Andy Warhol, Lawrence Weiner, Jaume Plensa ou Jose Pedro Croft, dialogan co traballo de numerosos creadores novos como Cristina de Middel, Ricardo Cases ou Simona Rota. Unha parte importante da exposición son obras de creadores galegos como Antón Lamazares, Leopoldo Nóvoa e Vari Caramés. Obras internacionais e paradigmáticas da produción desta última década, especialmente dos últimos cinco anos, onde numerosos creadorest novos dedican unha parte importante do seu traballo á edición de publicacións. Unha boa parte dela editada baixo o formato dos chamados Fotolibros.  

BREVE RESEÑA SOBRE O LIBRO DE ARTISTA

O libro de artista xurdiu na segunda metade do século XX, concretamente, no ano 1963, cando Edward Ruscha realizou a primeira edición de Twenty-six Gasoline Stations (26 estacións de gasolina). A partir de entón, os artistas máis vangardistas decidiron servirse do libro como instrumento de ruptura coa arte anterior, a pesar do paradoxo de tratarse dun medio de expresión artística tradicional.   A pervivencia deste legado é o que fai que agora, situados no século XXI, o libro continúe tendo unha gran vixencia. E isto contrariamente aos que xa fai vinte  anos anunciaban o seu fin por mor da chegada dos novos soportes dixitais para o texto  e a imaxe, que segundo eles, condenábaos a desaparecer.   Quizais, como afirmaba  Michel Butor en 1987, os únicos libros que nos interesarán no futuro son aqueles que poidan ser considerados como obra de arte.   O futuro de Butor é o noso presente. O novo espazo do libro, non é un espazo limitado e pechado: é inabarcable e integrador de todas as disciplinas, é o  espazo de liberdade onde toda a arte se representa.   O libro, como obra de arte do século XXI, é o territorio de creación onde se sitúa esta mostra, aínda que moitas das edicións contemporáneas de libros de artista teñen lugar máis aló das marxes impostas polo formato. Expándense e abarcan o territorio infinito da arte e a creación. Por iso moitos dos libros de artista, e especialmente os fotolibros desta mostra, son unha parte dun todo máis grande, dunha serie, instalación, manifesto ou colección.O Auditorio de Galicia inaugurou esta tarde ás 19.00 h a exposición ‘Salto de páxina. O Libro de artista no século XXI', comisariada por Rocío San Claudio Santa Cruz, directora de ArtsLibris. A mostra recolle un collage único de libros de artista, fotolilbros e bibliofilia contemporánea procedente da colección Banco Sabadell e ArtsLibris. Estiveron presentes no acto inaugural Martiño Noriega Sánchez, alcalde de Santiago de Compostela; Pablo Junceda Moreno, director xeral do SabadellGallego; Miquel Molíns Nubiola, presidente da Fundación Banco Sabadell; a comisaria da exposición, Rocío San Claudio Santa Cruz; e a directo a xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia Ferreiro.

Compartir: