ESPAZOS CIDADÁNS

O Concello chama á participación cidadá para decidir a Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible

20/10/2015 A Concellería de Espazos Cidadáns quere que a veciñanza participe na elaboración dun documento co que optará aos fondos europeos FEDER.

A concellería de Espazos Cidadáns vén de abrir un proceso de participación para que a veciñanza de Compostela se implique na elaboración da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible. O edil Jorge Duarte deu hoxe os destalles deste proceso, no que quere que os composteláns se impliquen "para decidir que cidade queren". O obxectivo é elaborar un documento, co que Compostela optará a fondos europeos, a través do Programa Operativo de Crecementento Sostible Integrado.

Que cidade queremos?
En todo proceso de planificación urbana defínense prioridades de actuación. O Concello quere que, no caso de Compostela, esas prioridades sexan fixadas pola propia cidadanía. Por iso, a concellería de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade vén de elaborar unhas enquisas para que a veciñanza se pronuncie. O cuestionario está dispoñible nas páxinas web www.santiagodecompostela.gal e espazoscidadans.santiagodecompostela.gal, e pode ser respostado por residentes, traballadores, universitarios, empresarios e turistas.

Nas enquisas inclúense preguntas sobre as prioridades de actuación no que tén que ver coas áreas urbanas, o medio ambiente, a mobilidade, o turismo, o patrimonio, a acción social, a gobernanza e o emprego. As enquisas poderán ser respostadas ata o día 31 de outubro.

Ademáis, o 4 de novembro celebraranse unhas mesas de traballo sobre tres temáticas concretas: urbanismo; sociedade, economía e educación, e gobernanza e marco competencial. As súas conclusións tamén serán incorporadas á Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible.

Axudas europeas de ata 15 millóns de euros
A participación pública é considerada como un elemento clave na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible, e o éxito desta consulta será tido en conta polos responsables do Programa Feder de Crecemento Sostible 2014-2020, que lles permitirá aos Concellos seguir accedendo a un importante volume de axudas europeas. Os municipios de máis de 50.000 habitantes, como é o caso de Compostela, poderán optar a subvencións de ata 15 millóns de euros.

Esta convocatoria diríxese á elaboración de estratexias integradas de desenvolvemento urbano sostible cunha visión de longo prazo, e non a actuacións ou operacións específicas. Unha vez aprobada, definiránse os proxectos concretos que serán financiados cos fondos FEDER.

O Programa de Crecemento Sostible 2014-2020, xestionado polo Ministeiro de Facenda e Administracións Públicas, prevé repartir entre os concellos máis de mil millóns de euros dos fondos europeos FEDER. Esa cifra debe servir para cofinanciar estratexias de desenvolvemento urbano integrado e sostible.

Direcciones relacionadas



Compartir: