ACCIÓN CULTURAL

A Central Folque presenta a súa oferta formativa para o novo curso

19/10/2015 A Escola de Música Popular e Avanzada introduce importantes novidades no seu plan de estudos. Os prezos de matrícula baixan sensiblemente grazas ás axudas do Concello e da Deputación da Coruña.

A Central Folque presentou hoxe a súa oferta formativa para o vindeiro curso, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi e á que asistiron o alcalde, Martiño Noriega, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. E é que as dúas administracións, o Concello e a Deputación, están a respaldar económicamente este proxecto. O centro, que botou a andar no ano 2000, inicia unha nova etapa, rebautizado como Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA).

Por iso, a Central Folque introduce importantes novidades no seu plano de estudos e na súa oferta formativa, con dous itinerarios complementarios, un dedicado á formación continua, e outro centrado na formación profesional. Nesas clases participarán máis de vinte prestixiosos músicos e docentes, especializadas en áreas específicas da música como repertorio, arranxos ou etnomusicoloxía. A esta nova oferta formativa tamén se lle engaden os cursos específicos e monográficos de músicas tradicionais, con aulas individuais ou colectivas de canto, gaita, violino, zanfona, harmónica, frautas e requinta, percusión, ou linguaxe musical co método Kodaly.

Apoio de Concello e Deputación
A Central Folque volve contar neste curso co respaldo económico do Concello de Santiago, e tamén co apoio da Deputación da Coruña. Grazas a iso, a Escola de Música Popular e Avanzada conseguiu ofertar uns prezos de matrícula sensiblemente máis baixos que en anos anteriores. Desta volta, as aulas individuais terán un custo de 350 euros anuais, e as aulas colectivas custarán 250 euros ao ano. O alcalde  explicou que este apoio responde a que o goberno comparte a especificidade e proxecto de país da Central Folque. Martiño Noriega sinalou que o Concello quere recoñecer "o traballo do centro para a posta en valor da nosa música tradicional, para darlle un carácter académico do que varecía, e para amosar que estamos ante unha linguaxe propia que se pode ir renovando".

Concerto de presentación
A Central Folque vai presentar o novo curso cun concerto gratuíto que terá lugar mañá 20 de outubro, ás 21 horas, no Auditorio de Galicia. Presentado por Xurxo Souto, no recital participarán Alejandro Vargas Trío, Óscar Ibáñez Trío, The Delighful Companion, Óscar Fernández, Alba María e José Manuel Díaz.

Compartir: