ORZAMENTOS E MOCIDADE

Mocidade terá un orzamento participativo de 100.000 euros para o próximo ano

19/10/2015 Permitirá construir unha rede de participación cidadá para a elaboración dun orzamento participativo global para o 2017.

A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou xunto coa concelleira e Mocidade, Noa Morales, o proxecto piloto de orzamentos participativos para o próximo ano que se desenvolverán na área de Mocidade. Con este proxecto piloto poderán artellarse os mecanismos de participación necesarios para poder elaborarmos no vindeiro exercicio orzamentos participativos por toda a cidadanía en todas as áreas.

As concelleiras explicaron que poderán participar neste proceso os mozos e mozas que teñan entre 16 e 30 anos, estean censados na cidade ou sexan estudantes universitarios. María Rozas asegura que "se conta cun orzamento de 100.000 euros co que a mocidade poderá elixir as actividades nas que se inviste". A primeira xuntanza co tecido asociativo e co estudantado, tal e como avanzou Noa Morales, "terá lugar mañá ás 20 horas no Centro Sociocultural do Ensanche onde se creará un "Grupo Promotor" encargado de supervisar o proceso desde o punto de vista non institucional". Unha vez que se constitúa este grupo abrirase un proceso de inscrición mediante un formulario na web do Concello para que se anoten todas aquelas persoas que desexen participar, tanto para votar como para propoñer actividades nas que desexen que se invirtan os 100.000 euros orzamentados. O regulamento que rexerá este proceso sairá do "grupo promotor", aínda que poderán utilizar o que propón o Concello como base ou elaborar un novo.

Dinámica do proceso
Todo o proceso participativo terá unha duración dun mes, momento no que se celebrará unha asemblea na que os inscritos votarán as propostas. O "Grupo Promotor" elaborará unha serie de criterios en base aos cales a cidadanía votará as propostas. Dende o Concello elaborouse unha proposta con catro criterios que poden ser utilizados ou non polo "Grupo Promotor", que terá liberdade absoluta. Entre os criterios propostos están que o contido das actividades promocionen certos valores positivos para a mocidade, que estén dirixidos a certos colectivos (en función do sexo, exclusión social...), o territorio (para que se desenvolvan actividades fóra do Casco Histórico e do Ensanche e se aposte polos barrios e as parroquias) e que se teña en conta ao tecido asociativo.

O "grupo promotor" poderá decidir se usa algún destes criterios, se se toman de base ou se elixen outros distintos. No mes de novembro haberá unha votación das propostas e a realización dunha asemblea na que participarán todos os inscritos.

Compartir: