DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Compostela Maker Faire enche Área Central de creatividade e innovación

17/10/2015 A feira de inventores sorprendeu ao numeroso público que participou nas actividades que se prolongaron durante toda a xornada.

A Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, visitou a primeira edición da Compostela Maker Faire, acompañada dun dos organizadores do evento, Enrique Saavedra, e do xerente de Área Central, Javier González. O Concello colabora coa actividade a través do programa de dinamización económica Compostela Móvese.  

A primeira edición de Compostela Maker Faire nace como un escaparate para que inventores e creadores podan amosar o seu inxenio a todos os públicos, prestando especial atención aos máis pequenos, que contaron con actividades gratuitas durante todo o sábado, como obradoiros de Plastilina Conductiva, Robótica, Ecodeseño ou Papiroflexia.   A Compostela Maker Faire quere ser tamén unha celebración do movemento "Maker". Entre os Makers hai todo tipo de xente de todas as idades e oríxenes: fans da tecnoloxía, artesáns, científicos ou inventores de garaxe. A intención da Maker Faire foi divertir, informar e conectar á xente desta comunidade para que poda ir crecendo en Galicia.  

Para o público en xeral, Área Central acolleu actividades, incluidas actuacións  de LAR Legido, unha das figuras españolas con maior proxección e relevancia no panorama musical da libre improvisación, unha sesión de DJ na zona Relax, ou un monólogo do cómico Victor Grande.O público máis coñecedor ou interesado no movemento Maker contou con cinco mesas de debate nas que diferentes expertos reflexionaron acerca da creatividade.   Eventos deste tipo contribúen ademais a dinamizar unha zona da cidade con moito potencial como é Área Central.

Compartir: