XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de Montero Ríos e da avenida de Vilagarcía

16/10/2015 O executivo aprobou a Fase III do proxecto de mellora da mobilidade no barrio de Vista Alegre. O alcalde deu conta en rolda de prensa deste e outros asuntos.

A Xunta de Goberno adxudicou hoxe dúas actuacións de enorme relevancia no Ensanche compostelán: a humanización de Montero Ríos, e a repavimentación da Avenida de Vilagarcía.

A empresa Xestión Ambiental de Contratas S.L. encargaráse da actuación de Montero Ríos, que conta cun orzamento de 1.220.820,79 euros (IVE incluido), e un prazo máximo de execución de nove meses. O presuposto vaise dividir en dúas anualidades: 213.000 euros neste 2015, e o resto en 2016. Na rolda de prensa na que deu conta dos acordos da Xunta de Goberno, o alcalde explicou que a actuación de Montero Ríos foi aprazada para presentarlle o proxecto á veciñanza. Así se fixo en diversas reunións que se celebraron nas últimas semanas, a derradeira onte mesmo, no centro sociocultural do Ensanche. Deste xeito, relatou Martiño Noriega, liberáronse fondos orzamentarios para acometer outras actuacións, como a Fase III das obras de Vista Alegre.

O executivo tamén adxudicou esta mañá, á empresa Emergis Construcción S.L, as obras de repavimentación da Avenida de Vilagarcía, entre Rosalía de Castro e Romero Donallo. O proxecto, con cargo ao Plan DTC da Deputación da Coruña, conta cun orzamento de 399.870,48 euros (IVE incluido) e un prazo de execución de oito meses.

Fase III das obras de Vista Alegre
Ainda en materia de obras, a Xunta de Goberno aprobou hoxe o proxecto da Fase III das obras de mellora da mobilidade e accesibilidade do barrio de Vista Alegre. Trátase dunha serie de actuacións que non estaban previstas inicialmente, e que o actual goberno decidiu poñer en marcha para paliar os problemas de cotas derivados das Fases I e II do proxecto. O alcalde lembrou que este foi o motivo da paralización dos traballos de Vista Alegre durante o verán. Esta Fase III conta cun orzamento base de licitación de 887.268,81 euros, e un prazo de execución previsto de cinco meses. A actuación afectarálle á rúa Noia, no tramo entre as rúas Santa Comba e Boiro, á rúa Bispo Diego Peláez, entre Santa Comba e Castelao, e á rúa Santa Comba. O obxectivo é rebaixar a cota das rúas, reducindo a diferenza de altura entre estas e os accesos ás vivendas e locais comerciais. Ao tempo, levaráse a cabo a mellora dos servizos urbanos.

Recuperación de dereitos laborais
A Xunta de Goberno adoptou hoxe dous acordos que supoñen a recuperación de dereitos laborais que os traballadores municipais perderan nos últimos tempos. Así, o executivo aprobou a modificación do Acordo Regulador /Convenio Colectivo do persoal ao servizo do Concello, de xeito que volverán dispoñer de seis días ao ano de permiso para asuntos particulares, que poderán acumular ás vacacións cando o permitan as necesidades do servizo. Ata agora, eses días de asuntos particulares quedaran reducidos a tres.

Doutra banda, a Xunta de Goberno acordou deixar sen efecto un acordo adoptado polo executivo o 14 de xuño de 2012, que en virtude do Plan de Axuste do Concello, reducira as contías dos incentivos por xubilación. Tal e como explicou o alcalde, este Plan de Axuste deixou de ter vixencia en decembro de 2014, polo que os traballadores que se xubilaron dende o 1 de xaneiro de 2015 teñen dereito a cobrar a totalidade dos incentivos, mesmo de xeito retroactivo.

Documentos relacionados



Compartir: