EDUCACIÓN

Alumnos de Santiago realizarán un intercambio cun centro de Salamanca dentro do programa Aula de Patrimonio

16/10/2015 Trátase da décimo primeira edición deste programa que, por primeira vez, inclúe a estudantes de secundaria.

O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou esta mañá a décimo primeira edición do programa Aula de Patrimonio que pretende que o alumnado que vive e estuda en calquera das quince Cidades Patrimonio aprendan o significado que ten esta distinción que outorga a UNESCO a través de distintas actividades didácticas arredor de cadansúa localidade e da organización de viaxes culturais de grupos e escolares a outras cidades patrimonio. As quince cidades menbro do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade en España cumplen unha función promotora ofrecendo actividades educativas baseadas nos seus propios recursos que perseguen o descubrimento de novos conceptos.

Entre os obxectivos específicos do programa está promover o coñecemento das quince cidades patrimonio, concienciar oas escolares da importancia de vivir nunha cidade Patrimonio, fomentar unha actitude de cidadanía activa e impulsar experiencias didácticas que promovan o uso da cidade como recurso educativo.

Como principal novidade este ano, o programa amplíase a estudantes de secundaria. Os centros que estean interesados en participar deben solicitalo antes do 30 de novembro achegando, xunto coa folla de inscrición, un guion de traballo relacionado co patrimonio. O grupo seleccionado deberá entregar o traballo completo antes do 15 de febreiro. O tema elixido para o traballo será "As cidades patrimonio da humanidade, cidades de convivencia, respecto e interculturalidade".

Os grupos seleccionados para participar serán ao mesmo tempo "grupo anfitrión" e "grupo visitante", que viaxarán á cidade de Salamanca no mes de marzo do mesmo xeito que chegarán a Santiago os estudantes salmantinos. Preténdese que a clase elixida como anfitrioa realice un labor de guía turístico e cultural do alumnado visitante. A actividade é gratuíta, a cargo do Grupo Cidades Patrimonio.

Compartir: