TURISMO

FairWay abre as súas portas a catro xornadas de reflexión, traballo e comercialización en torno ao Camiño de Santiago

15/10/2015 Ata o domingo daranse cita en Compostela máis de 50 relatores, turoperadores e expositores procedentes de 19 países neste evento para todos os públicos que xunta por vez primeira congreso e feira profesional. Na inauguración estiveron presentes Martiño Noriega, alcalde de Santiago, e Rafael Sánchez Bargiela, xerente de Xacobeo, entre outras autoridades. A organización facilita o acceso á feira, que se celebra na Cidade da Cultura de 10:00 a 19:30 horas, a través de autobuses lanzadeira que unen cada media hora a Praza de Galicia co Gaiás.

A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a apertura oficial de FairWay, o I Forum do Camiño de Santiago, que reúne dende hoxe e ata o vindeiro domingo os principais expertos na Ruta Xacobea e noutras rutas de peregrinación nun novo formato de congreso-feira no que tamén se dan cita un gran número de empresas vinculadas cos seus produtos ou servizos ao Camiño de Santiago procedentes de ata 19 países.

Na apertura deste I Forum do Camiño de Santiago participaron Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Rafael Sánchez Bargiela, xerente de Xacobeo; e os codirectores de Fairway Ana Trevisani, Manuel Oreiro e Ton Mugico, entre outras autoridades, que destacaron o éxito desta primeira edición, chamada a consolidarse como a cita anual co Camiño de Santiago. O Congreso, que se celebra en horario de mañá e tarde con relatorios e mesas redondas que abordan o Camiño de Santiago desde unha perspectiva global contou esta mañá cos primeiros relatores do total de máis de 50 que se han de dar cita en #FairWaySantiago ao longo destas catro xornadas.

Intervencións que se estruturaron arredor de catro paneis temáticos cuxa programación discorre paralela durante estas xornadas: Camiño Outsites, no que se ofrecen visións doutros aspectos do Camiño vinculados á seguridade, a infraestrutura ou o marketing; After Way, o panel máis experiencial, dedicado a coñecer as vivencias de diferentes peregrinos, anónimos e coñecidos, unidos pola experiencia da Ruta Xacobea; Other Ways, que estará centrado noutras rutas históricas e máis Camiño Insights, que achegarase á xestión do Camiño. En todos eles, xestores, escritores, comunicadores e empresarios que vincularon ao Camiño a súa iniciativa empresarial, así como responsables das administracións públicas que abordaron aspectos tan importantes como o da seguridade no Camiño.

Éxito de FairWay Market
Esta mañá tamén abriu o espazo comercial adaptado tanto para dar visibilidade aos máis de 50 expositores participantes e ofertar os seus servizos ao público xeral, como para acoller un workshop no que están concretados máis de 1.200 encontros comerciais que e que vai permitir pechar acordos de colaboración con turoperadores a nivel internacional que operan con grupos ou persoas que queren facer o Camiño de Santiago en todo o mundo.

Tanto as citas comerciais como os relatorios e as máis dun cento de exposicións do Pitch Show desenvolveranse ao longo de toda a xornada, na que se prevé que pase algo máis dun milleiro de persoas, que poden acceder ao recinto mediante autobuses lanzadeira que trasladarán aos participantes cada media hora entre a Praza de Galicia e a Cidade da Cultura.

Actividades paralelas, FairWay City
FairWay complétase, ademais, cun programa paralelo de actividades agrupadas baixo o epígrafe de FairWay City e no que se poderá gozar con catas, música e exposicións en torno ao fenómeno Xacobeo. Así, a gastronomía será a protagonista a través tanto do Espazo Gastro de FairWay, onde se ofrecerá un menú diario especialmente creado para a ocasión e degustacións de produtos galegos, como con Gastroway, que ofrece durante estes días propostas especiais en 14 restaurantes da cidade baseadas en distintos puntos das rutas xacobeas.

Tampouco faltarán as exposicións como a da Galería Sargadelos ou a fotográfica que une no Hostal dos Reis Católicos o traballo de dous profesionais da fotografía, Luis Ocaña e Luis Gago, con cuxo traballo irmanáronse o Camiño de Santiago e o xaponés Kumano Kodo, que tamén é o protagonista da exposición fotográfica de Koji Kusumoto que se poderá gozar na Cidade da Cultura. Sen esquecer O Camiño do Encaixe, que recolle creacións de Camariñas vinculadas ao Xacobeo. Outra mostra fotográfica, na Cidade da Cultura, é Rexistro 108, de Germán Limeres.
Finalmente, a música virá da man do concerto de música antiga de Resonet na Catedral, mañá venres 16 a partires das 21 horas; mentres que na xornada de clausura correrá a cargo da unión do Coro da Rá & Enocións by Ribeiro, unha iniciativa na que se une a enoloxía, a música e as emocións do Camiño de Santiago.

Toda a información sobre esta cita está dispoñible no portal web www.fairwaysantiago.com

Compartir: